Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
VERÓNICA BOQUETE, CAPITÁ DA Selección Nacional

"No fútbol feminino galego fomos sempre catro amigas"

Despois de tres anos no Prainasa Zaragoza, a mediocampista compostelá está a vivir os seus primeiros meses no Espanyol de Barcelona.

Pablo García Martínez - 09:00 27/11/2008
Verónica no seu actual equipo, o Espanyol de Barcelona

Verónica no seu actual equipo, o Espanyol de Barcelona

Con só 21 anos Verónica Boquete completa o seu cuarto ano na máxima categoría estatal do fútbol feminino. Se as lesións non o impiden semella que este ano teremos a sorte de volver a vela guiando o equipo feminino co brazal de capitá cinguido orgulloso á volta do seu brazo.

Vieiros: Como ves o partido do día 28 fonte a Euskal Herría?

Verónica: O ano pasado foi Catalunya e este ano Euskal Herría, que foron as primeiras autonomías en potenciar o fútbol feminino. Vai ser un partido difícil, aínda que seguramente menos complicado que o de Catalunya.

Como recibiches a noticia da designación de Pasarón como o estadio do partido feminino?

Sorprendeume. Vainos gustar e será un día moi especial, pero non vexo normal esa diferencia. É como quitarnos importancia, porque non imos ter o mesmo seguimento que o ano pasado. Se non me lembro mal o lema do ano pasado era "O deporte galego une". Isto era un bo lema para unir tamén o fútbol masculino e feminino. Eu creo que deberían xogar as dúas seleccións xuntas, no mesmo estadio. Aínda así creo que isto segue a ser un paso adiante, pero máis pequeno.

Que recordos gardas do voso primeiro partido disputado o ano pasado no estadio de Balaidos?
Foi emotivo porque era a primeira vez, con todo o que representa levar esa camiseta. Era un día especial e tanto eu como as compañeiras puidemos desfrutar, malia o resultado.

Sorprendeute ser elixida capitá do equipo?
Foi unha decisión da seleccionadora. Eu era o referente a nivel estatal, e elixíuseme por ser a xogadora máis coñecida. É algo que a todo o mundo lle gusta. Se xa é importante levar esta camiseta aínda é máis guiar ao equipo co braceiro. Foi un intre moi especial.

As condicións nas que se desenvolve o fútbol feminino melloraron nos últimos anos, mais seguides estando moi lonxe da repercusión do fútbol masculino, non crees?
Déronse pasos para mellorar o fútbol feminino, que non era moi difícil pola situación na que estábamos. Pasos para igualarnos cos homes é moi difícil, e tampouco se nos pasa pola cabeza. Nós pensamos en ir mellorando pouco a pouco.

Que conclusións sacamos se centramos esta reflexión no territorio galego?
De hai cinco anos ate agora o fútbol feminino galego vai a máis, e hai máis equipos. Un bo exemplo tivémolo o ano pasado cun equipo de Vigo a piques de ascender á Superliga, mais levamos un retardo importante co resto do estado. A clave para esta mellora sería que os equipos masculinos aposten por crear seccións femininas. A maioría dos clubs da Superliga están vencellados a clubs masculinos, e isto axuda porque transmite unha maior seguridade. Até o momento, no fútbol feminino eramos sempre catro amigas, cos nosos pais andando á vez para levarnos a xogar. Dentro de estruturas tan grandes como os clubs masculinos os nosos proxectos teñen máis seriedade e apórtansenos cousas como ter un campo onde adestrar, que a un equipo masculino non lle supón nada e a nós danos a vida. Hai que animar ás nenas a xogar e tamén rachar certas barreiras ideolóxicas.

Existe para as mulleres a posibilidade de adicarse ao fútbol de forma profesional?
Para algunhas, aínda así podes ir vivindo no momento, pero sabes que nun futuro vas ter que facer outras cousas. Entón tes que ir estudando ou acadando algun tipo de preparación que che garanta un futuro.

En que liñas de traballo pensas cando reflexionas sobre os pasos a seguir para mellorar a vosa situación?
É unha cuestión na que temos que traballar todos. Nós temos que tirar disto cara arriba, pero tamén necesitamos o apoio dos medios, que nos poñan en contacto coa sociedade para que poidan seguirnos.

Teñen as rapazas de hoxe máis facilidades para entrar en contacto co fútbol?
Agora hai cada vez máis nenas e resulta máis normal. Para nós o primeiro paso non era fácil, pero o máis difícil aínda era seguir, porque non había moitas oportunidades. No meu caso conseguín darme a coñecer cando xoguei coa selección galega e isto abriume a porta dos equipos da Superliga. Unha vez aí xa podes ver si para ti é só un pasatempo ou algo máis profesional.


4.58/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: