Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE

Zapatero anuncia 11 mil millóns de euros para obra pública e creación de emprego

O presidente do goberno español adianta a aprobación dun crédito extraordinario do 1,1% do PIB co obxectivo de crear 300 mil postos de traballo.

Redacción - 19:35 27/11/2008

O Consello de Ministros aprobará este venres un real decreto lei cun crédito extraordinario de 11 mil millóns de euros (o 1,1% do PIB) con cargo ás contas do 2008 coa pretensión de frear a destrución do emprego e reactivar a economía.

Obra pública
A meirande parte desta cantidade (oito mil millóns) destinarase á inversión en obra pública e equipamentos, fundamentalmente nos concellos. Crearase así un fondo extraordinario de inversión pública no ámbito local destinado á realización de obras de nova planificación e que será xestionado polo Ministerio de Administracións Públicas. O goberno español calcula que este fondo permitirá crear preto de 200 mil empregos en 2009. Artellarase mediante procedemento de urxencia, de xeito que os concellos con proxectos financiábeis poderán iniciar as obras entre o 11 de xaneiro e o 13 de abril do vindeiro ano.

Outras inversións
O resto do crédito destinarase a proxectos diferenciados. 800 millóns adicaranse á recuperación do sector do automóbil; 600 a actuacións ambientais; 500 para I+D; 400 en rehabilitación de casas cuartel e comisarías; 120 para rehabilitación de vivendas; 30 para incentivar o turismo; e 400 millóns para transferencias ás comunidades autónomas en materia de dependencia.

Novo modelo produtivo
Zapatero anunciou tamén a súa intención de constituír nos vindeiros días unha mesa de traballo con outros grupos políticos para chegar a acordos sobre as medidas de modernización do sistema produtivo. O presidente do goberno español falou de mudanzas nas áreas de transporte, enerxía e telecomunicacións, ademais da redución de cargas administrativas. Tamén incidiu na necesidade de poñer en marcha accións coordinadas coa Unión Europea en materia de educación, infraestruturas e formación laboral.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: