Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Exixen a súa retirada

A polémica dos crucifixos chega a Galiza

O sindicato STEG cre que non é unha decisión que deba recaer nos Consellos Escolares e que aludir á autonomía dos centros é "un intento" da Consellaría "de inhibirse das súas obrigas".

Redacción - 20:00 27/11/2008
Un cristo só nunha parede / Flickr: ajgelado

Un cristo só nunha parede / Flickr: ajgelado

Unha sentenza dun xulgado de Valladolid, que obrigaba a un colexio público da cidade a retirar os símbolos relixiosos, comezou a polémica. A partir de aquí sucedéronse declaracións do Episcopado, a Conferencia Episcopal e mesmo o Vaticano, lamentando o feito, mais tamén se abriu o debate.

Polo seu lado, o Ministerio de Educación deixaba ao criterio de cada colexio -a través do seu Consello Escolar-, a retirada dos xa famosos crucifixos, apelando á súa "autonomía". Porén, a súa titular, a ministra Mercedes Cabrera, lembraba que o español é un Estado aconfesional, onde os pais son libres para escoller o que desexen que os seus filles estuden, ao tempo que sinalaba que os símbolos relixiosos deberan ser retirados, pois algúns pais de alumnos poderían "sentirse agredidos" pola súa presenza nun centro público.

A pasada semana Cabrera visitaba Galiza e volvía defender a "autonomía dos centros" para regular a presenza de símbolos relixiosos e para outras cuestións que teñen que ver co seu funcionamento. Ao tempo, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón afirmaba que en Galiza, a "práctica totalidade dos centros públicos" xa foron retirando, de xeito progresivo, estes símbolos, igual que, por iniciativa dos colexios, se foron mudando os nomes franquistas.

Por unha escola completamente laica
Porén, o STEG (Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza) non está de acordo co posicionamento de Educación, e solicítalle a "retirada de oficio de toda a simboloxía relixiosa dos centros de ensino de Galiza", pedimento "plenamente xustificado tanto pola LOE como pola propia Constitución". Para este sindicato, "ás funcións dos Consellos escolares non pertence a toma deste tipo de decisións", polo que trasladarlle a este órgano esta responsabilidade é "un intento" da Consellaría de Educación de "inhibirse das súas obrigas".

Ao tempo, dende o STEG rexeitan as "interpretacións subxectivas e interesadas" da Igrexa, "por xerar polémica onde non existe" e "inventar unha inexistente caza de bruxas á inversa". Neste sentido, denuncian que a realidade, no Estado Español, "é xustamente a contraria, xa que a Igrexa Católica continúa a ter un trato de favor, algo inxustificábel nunha sociedade plural e democrática".

Touriño: "Teño outras cousas na miña cabeza"
Após o Consello que a Xunta desenvolveu esta quinta feira, os xornalistas preguntáronlle ao presidente Touriño se estaba, na polémica dos crucifixos, con papá -o vicesecretario xeral do PSOE, o galego Xosé Blanco, quen dixera: "nos colexios públicos non debe haber crucifixos"- ou con mamá -a ministra Mercedes Cabrera, que apelara á autonomía dos centros-.

Porén, Touriño evitou pronunciarse, dicindo que o seu maxín estaba "dedicado a pensar e desenvolver medidas para paliar os efectos da crise" na vida dos "traballadores, as empresas e as familias", e que o tema dos crucifixos "non debería ser obxecto de polémica". "En Galiza non temos este problema, e esperemos que non sexa importado, coma outros", reiterou, ao tempo que revelaba confiar "na capacidade para actuar da Consellaría de Educación e dos Centros", dentro dun "estado democrático e de dereito".


4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: