Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Venda de Itínere por 7.887 millóns de euros

Sacyr véndelle as autoestradas a Citigroup

Os norteamericanos pagaron 3,96 euros por acción. Con esta operación, a compañía reducirá a súa débeda un 37%. No paquete tamén van as vías galegas.

Redacción - 10:35 01/12/2008
Coa compra de Itínera, Citi tomaría o control das autoestradas galegas / Flickr: willysifones

Coa compra de Itínera, Citi tomaría o control das autoestradas galegas / Flickr: willysifones

O grupo construtor Sacyr Vallehermoso, nas súas horas máis baixas, chegou a un acordo coa financeira meirande do mundo, a estadounidense Citigroup, para a venda da súa filial de autoestradas Itínere por 7.887 millóns de euros, o que supón 3,96 euros por acción. Con esta operación, Sacyr reducirá a débeda contraída nun 37% -até os 12.476 millóns de euros-.

A primeiras horas da mañá da segunda feira, a CNMV suspendera a cotización de ámbalas dúas empresas; mais a partir das 9:30 horas volvían entrar no mercado.

A operación -aínda non aprobada polas autoridades reguladoras competentes- implica o lanzamento, por parte do grupo norteamericano, dunha OPA (Oferta Pública de Adquisición), sobre o cento por cento do capital de Itínere. Dos cartos que vai pagar Citi Infraestructure Partners, un fondo de Citigroup, 2.074 millóns de euros serán para os fondos propios, e uns 5.013 serán para a débeda neta asumida. Non fan parte desta transacción outras concesións de Itínere que non sexan autopistas, como algunhas áreas de servizo, intercambiadores de transporte ou hospitais, así como aquelas participacións de Itínere noutras autoestradas.

Sacyr controla un 90% do capital de Itínere, empresa tamén participada nun 8,2% polas caixas vascas Kutxa, BBK e Caja Vital

O control das autoestradas galegas
Itínere ten a concesión de tres mil quilómetros de autoestradas, entre elas a Autoestrada do Atlántico, a AP-9, que xestiona mediante Audasa; a AP-53, que une Compostela con Ourense; a través de Autoestradas de Galicia; .e outras dúas vías de peaxe, a AG-55, entre A Coruña e Carballo, e a AG-57, entre Puxeiros (Vigo) e o Val Miñor. O paquete galego de Itínere contempla tamén Autovía do Barbanza, aínda sen abrir ao tránsito, onde o pago corre a cargo da Xunta.Neste sentido, a venda da filial de Sacyr ao brazo inversor de Citigroup pon en perigo os investimentos pendentes en Galiza, entre eles a ampliación da AP-9.

 A situación actual do xigante americano
Con 200 millóns de clientes, Citigroup, a que hai apenas dous anos era a principal entidade do planeta no sector segundo a súa capitalización bolseira, e que descendeu ao décimo posto a grandes velocidades, afronta horas baixas.

O Departamento do Tesouro dos EUA anunciou un investimento de arredor de 16 mil millóns de euros no grupo, un plan co que pretenden darlle forza a entidade e recuperar a confianza dos mercados nela. O proxecto garantirá protección contra perdas sobre uns 240 mil millóns de euros, en concepto de préstamos e avais, nunha operación despregada fronte ao temor dun sinistro financeiro como o protagonizado hai dous meses por Lehman Brothers.

A compañía aspira á inxección económica do goberno dos EUA após anunciar despedimentos masivos en todo o mundo e unha redución, a curto prazo, do seu cadro de persoal en 50 mil persoas.


1.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: