Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
AUTO XUDICIAL

Cultura poderá entrar na casa de Castelao para catalogala

Unha vez que os técnicos comproben o estado do inmóbel, poderá ser declarado Ben de Interese Cultural.

Redacción - 19:15 10/12/2008

A Consellaría de Cultura iniciou os traballos para a declaración de BIC na categoría de "sitio histórico" do inmóbel en xullo de 2006, pero atopouse coa repetida negativa do seu propietario, Javier Baltar, a permitir o acceso dos técnicos ao interior do edificio. Por ese motivo, a Xunta decidiu reclamar por vía xudicial este acceso, que foi confirmado o pasado día 17 de novembro polo Xulgado Contencioso Administrativo Número 1 de Santiago.

O auto autoriza aos funcionarios da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, "asistidos no seu caso das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, para a entrada en horas hábiles" na casa que pertenceu ao artista e político Daniel Rodríguez Castelao, "para proceder á comprobación do estado actual do interior do inmoble e das súas pertenzas, así como a efectuar unha reportaxe fotográfica aos efectos de completar a documentación necesaria no expediente de declaración de ben de interese cultural".

Unha vez coñecido o auto, a consellaría dirixiuse ao propietario para que se puxese en contacto coa Dirección Xeral de Patrimonio para concretar os detalles da visita dos técnicos da Consellaría. Porén, polo de agora o propietario non se dirixiu á Xunta, polo que a consellaría podería fixer de xeito unilateral a data. O 24 de xullo de 2007 Patrimonio abriu o expediente de incoación de BIC da casa natal de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sita na Rúa de Abaixo de Rianxo, co que se pretende evitar calquera tipo de agresión a este ben.

En decembro de 2007 os tres grupos con representación no Parlamento, PPdeG, PSdeG e BNG, aprobaron por unanimidade unha proposición non de lei que instaba á Xunta a que "no prazo máis breve posíbel" resolvese o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural. O texto, presentado polo PSdeG e emendado polo BNG, urxía a declaración de BIC na "categoría de sitio histórico" co fin de "facilitar a súa conversión nun espazo cultural emblemático de Galiza".

O concello de Rianxo leva meses en negociacións con Javier Baltar para a adquisición do inmóbel, co obxectivo de crear unha rede de casas-museo, que incluiría as de Castelao, Dieste e Manuel Antonio. O Concello xa pagou 300 mil euros pola vivenda de Dieste, o que xerou unha gran polémica e anoxo entre os seus familiares, pois o escritor quería doar a casa e o seu contido á vila. Agora, dende o concello insinúase que mesmo poderían chegar a expropiar a casa de Castelao se o seu propietario non accede a vendela.


4.57/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: