Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INCIDENTE EN BAGDAD

Miles de iraquís piden a liberación do xornalista que lle arrebolou un zapato a Bush

A canle na que traballa Muntadar al-Zaidi, al-Bagdadía, apelou á liberdade de expresión que os estadounidenses prometeron para os iraquís.

Redacción - 18:30 15/12/2008
O zapato pasa a rentes da cabeza de Bush / MSNBC

O zapato pasa a rentes da cabeza de Bush / MSNBC

Miles de iraquís demandaron a liberación do reporteiro de televisión que lle arrebolou os zapatos ao presidente estadounidense, George Bush, nunha conferencia de prensa en Bagdad. As masas xuntáronse no distrito bagdadí de Sadr, pedindo que o "heroe" Muntadar al-Zaidi fose liberado. Responsábeis da canle al-Bagdadía pediron a liberación do seu xornalista apelando á liberdade de expresión.

Fontes oficiais iraquís cualificaron o incidente como "vergoñento". Segundo un comunicado do goberno, as accións de Zaidi, que tamén insultou a Bush, "danaron a reputación dos xornalistas iraquís e do xornalismo iraquí en xeral".

Segundo informa a BBC, os correspondentes dixeron que os manifestantes apoian o crego xií Moqtada Sadr, crítico coa presenza das tropas estadounidenses en Iraq. Tamén se informou de protestas máis pequenas en Basora e en Naiaf.

Mentres, o goberno iraquí pediulle ao xornalista que se desculpe publicamente. Ademais, segundo publicou a axencia Associated Press, Zaidi está a ser interrogado para coñecer se alguén lle pagou para botarlle os zapatos a Bush. Tamén o someteron a análises de alcol e drogas, e retivéronse os seus zapatos como evidencia, explicou un informador oficial anónimo.

A canle al-Bagdadía, con sede en Cairo, dixo que Zaidi debe ser liberado porque exerceu a liberdade de expresión, algo que os estadounidenses lles prometeron aos iraquís que terían despois de derrocar a Saddam Hussein, e asegurou que "calquera medida contra Muntadar considerarase un acto dun réxime dictatorial".

Despois de que os non batese en George Bush, que se agachou, Zaidi foi inmediatamente inmobilizado no chan por gardas de seguridade, que o arrastraron fóra da habitación. "Este é un bico de despedida, can", berrou en árabe mentres lle arrebolaba os zapatos. "Isto é polas viuvas, os orfos e todos os que mataron en Iraq".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: