Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
MÁIS COÑECEMENTO E MENOS MAN DE OBRA BARATA

O investimento privado, chave para a competitividade en I+D+i

Un informe elaborado polo Consello da Cultura fai unha diagnose das iniciativas de innovación no país, aínda lonxe da media europea.

M. del Río - 18:00 16/12/2008

O Consello da Cultura presentou esta terza feira unha diagnose da I+D+i en Galiza, froito dun estudo conxunto en colaboración do Instituto Galego de Estatística. Os datos tirados do informe demostran que aínda estamos moi por detrás da media estatal e máis aínda da media da Unión Europea, tanto en iniciativas de innovación como en produtividade das mesmas. Por iso, achega posíbeis receitas para acurtar distancias.

Como demostración de que se están a dar os pasos correctos neste aspecto, un dos autores do libro, Xosé Manuel García Vázquez deu conta dos últimos datos do INE sobre actividades I+D no 2007, que amosan que Galiza superou, por primeira vez na historia o 1% do PIB en investigación, aínda por detrás da media estatal. E, o que é máis importante, o gasto en I+D do sector privado xa supera a metade do total, concretamente o 55,3%, á altura da media estatal. Porén, está aínda lonxe da media continental.

Algúns dos aspectos máis salientábeis do informe son que hoxe en día é complicado contar con datos estatísticos que reflictan os resultados que están a ter os investimentos en I+D+i. Esta falta de información fai máis complicado estabelecer unha avaliación da situación de Galiza.

Un dos datos relevantes do estudo comparativo con outros países é que o investimento do sector público en I+D+i non ten correlación nos resultados e na produtividade desa innovación, dado que nos estados que acadan mellores datos, como Irlanda e Suecia, é o sector privado o que "tira" da economía.

O informe ofrece, así, varias solucións. A primeira é que se impulse a cooperación interempresarial nunha economía como a galega, dominada por pequenas e medianas empresas. Nesta liña, valoran positivamente iniciativas do Goberno como o plan Incite. Outra das receitas é a especialización produtiva, e que se ofreza unha diferenciación pola calidade, pois a competitividade en I+D+i está baseada no coñecemento e non na man de obra barata.

Outro dos aspectos que recomenda o informe para diminuír a fenda entre Galiza e Europa é investir máis en formación e seguir o exemplo de, por exemplo, Irlanda, como xeito de atraer o investimento estranxeiro.

O documento Territorios innovadores: diagnose dos índices I+D+i en Galicia, é obra de Xosé Manuel García Vázquez, Albino Prada Blanco e María Quintás Corredoira, que participaron na presentación, xunto con Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: