Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A resolución adíase á semana que vén

Última quenda da poxa eólica: o cambio de modelo non evita as suspicacias

Cancelas á especulación, aproveitamento público e reforzo do sector foron criterios prometidos para o novo marco legal. Pero os buratos do proceso son orixe de críticas.

R. Noguerol - 20:15 17/12/2008

A comisión interdisciplinar "de valoración" dos proxectos presentados ao concurso eólico adiou este mércores por segunda vez a reunión. O primeiro aprazamento xa se producira o día anterior, sendo ademais a véspera da data límite fixada para a publicación da resolución, polo que a Consellaría de Industria terá que estabelecer unha prórroga para estender até a semana que vén o proceso, que chegaría até o venres 26.

"Unha parte do goberno sospeita da outra", reprocháralles ao respecto hai poucos días o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, a socialistas e nacionalistas. Suspicacias que teñen que ver coa reunión desta comisión xa que é, formalmente, o único chanzo do proceso onde sentan na mesa representantes dos dous pés do Goberno. Así, entre os dez integrantes, e malia a maioría da Consellaría de Industria (5 membros), teñen voz tamén na parte nacionalista, a Consellaría de Medio Rural (1 membro), e do lado socialista as consellarías de Medio Ambiente e Política Territorial (dous representantes cada unha delas).

Industria escusa agora o aprazamento coa falta de tempo dos técnicos para rematar a lista de proxectos a avaliar pola comisión, malia que o día anterior un problema informático fora o argumento. O adiamento é agora arma para que o PP teime en criticar o proceso. Os populares opinan que o feito de que a comisión fose convocada apenas unhas horas antes do fallo do concurso xa é aval "para a sospeita". Así, desde o PPdeG insisten en denunciar presuntas "manipulacións" e indican que "cheira a tongo", insinuando que a decisión estaría xa tomada e que esta peneira de última hora estaría derivada da tensión entre os socios da Xunta polo proceso.

Queixas ambientais, empresariais e políticas
Na práctica, nesta altura do concurso eólico, o proceso aparece así condicionado por tres acusacións principais, chegadas respectivamente do ámbito empresarial, ambiental e político. Así, o atallo vía Madrid para chantar macroparques eólicos sen necesidade da autorización da Xunta é o último pulso ensaiado polos xigantes do sector. Endesa ou Estela Eólica son exemplo de empresas que lle presentaron directamente ao Ministerio de Industria solicitudes de parques de muíños de vento de máis de 50 megavatios. Por riba desa potencia, a autorización queda fóra do ámbito competencial da Consellaría, polo que simplemente se limitaron a sumar os proxectos contiguos presentados ao concurso da Xunta pedindo en Madrid o que temerían non conseguir en Galiza.

Anteriormente, a patronal eólica en Galiza iniciara un proceso no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, presentando un recurso contencioso administrativo no que se laian de que o Goberno non autorizase a potencia eólica inicialmente comprometida. O motivo era que dos 750 MW pendentes de adxudicar a consellaría decidira recortarlle ao plan herdado do PP, deixando a cifra en 511 MW a repartir.

Outro burato que explora o empresariado é o da posíbel indefinición ao respecto dos compromisos industriais asociados ás adxudicacións eólicas. No sector consideran que o outorgamento de potencias que estean por baixo do total solicitado, liberaríaos do cumprimento estrito dos plans industriais.

Este último furado sería precisamente unha das claves da prórroga fixada agora por Industria, temendo que algunha indefinición xurídica acabe erosionando un dos argumentos fundamentais da Xunta neste proxecto: garantir o impacto e dinamización económica derivados do concurso eólico. Unido á valoración da oferta de participación pública nos parques e as fórmulas de implicación dos propietarios dos terreos, a "xeración de riqueza" para o país foi un dos valores reiteradamente subliñados desde a administración.

Tamén tensións políticas
No ámbito estritamente político, existía consenso inicial entre PSdeG e BNG en denunciar as políticas "de regalo de megavatios" dos gobernos de Manuel Fraga, propoñendo ao chegar ao poder a "investigación sen límites" mesmo cando o fío de presuntas irregularidades levaba ao ex alcalde socialista da Coruña. Tamén na necesidade de mudar radicalmente o marco lexislativo para o outorgamento dos novos muíños, cuestión na que coincidiron no seu momento os respectivos voceiros parlamentarios.

O importante volume de negocio e o xogo de influencias derivado no sector empresarial xogaría a favor da ruptura da sintonía entre os socios. As recoñecidas suspicacias internas tiveron o seu episodio máis público hai poucas semanas cando desde as consellarías de Medio Ambiente e Política Territorial, lideradas polos socialistas, admitían fronte á prensa estaren "preocupados" polas supostas sombras do proceso. As insinuacións eran respondidas desde Industria polo propio conselleiro que ironizaba sobre a "emoción por esa altruísta preocupación" dos cseus compañeiros de goberno sobre os prazos e a propia comisión de valoración.

A crítica dos ecoloxistas
"Chegar a poñer 6.500 MW de enerxía eólica co actual modelo nun territorio de 29.000 km² é unha salvaxada", escribiu en Vieiros o ambientalista Xabier Vázquez Pumariño ao respecto das previsións do Goberno. Unha acusación na que coinciden desde a Federación Ecoloxista Galega (FEG) ou a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

Máis polo miúdo, Adega advertiu de que o proceso "está indo con demasiadas présas". Opinan desde o colectivo que unha vez repartidas as concesións as empresas terán uns dereitos que van facer complicado que a administración poida frear concesións previamente outorgadas. Ao fío, afondan desde a FEG criticando que se adxudiquen os parques antes de que Medio Ambiente emita a Declaración de Impacto Ambiental dos proxectos. Analizan os ecoloxistas que os dereitos adquiridos farán no seu caso "economicamente inviábel" a paralización dos parques debido ás elevadas indemnizacións.


3.29/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: