Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUSTIZA INTERNACIONAL

Cadea perpetua para o máximo responsábel do xenocidio en Ruanda

Un tribunal da ONU condenou o ex coronel do exército Theoneste Bagosora por instigar as matanzas de 1994, nas que morreron case un millón de persoas.

Redacción - 19:15 18/12/2008

Prisión de por vida. Esta foi a sentencia do Tribunal Penal Internacional para Ruanda (ICTR, nas súas siglas en inglés) para o ex coronel do exército Tehoneste Bagosora, que foi declarado culpábel de xenocidio e crimes contra a humanidade e crimes de guerra. Ademais, a corte, estabelecida en Tanzania, tamén sentenciou a cadea perpetua aos ex comandantes militares Anatole Nsegiyumva e Alloys Ntabakuze.

O tribunal da ONU acusa a Bagosora de estar ao mando das tropas e da milicia hutu Interahamwe, que matou a tutsis e hutus moderados no país africano en 1994, cando máis de 800 mil persoas foron asasinadas nuns 100 días. Segundo os fiscais, o grupo de conspiradores iniciara a planificación da masacre dende, polo menos, 1990. Ademais, o propio Bagosora abandonou as conversas de paz dicindo que volvía a Ruanda para "preparar o apocalipse".

A sentencia concluíu que Bagosora foi responsábel ademais do asasinato da que era primeira ministra, Agathe Uwilingiyimana, dos dez cascos azuis belgas encargados de protexela e de varios dirixentes políticos, así como das masacres de tutsis na cidade de Kigali. Mentres, durante o xuízo, no que declararon 242 testemuñas durante 409 días, o ex coronel defendeu a súa inocencia e rexeitou cualificar de xenocidio as matanzas de 1994.


Ligazóns

2.33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: