Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
SE CHE FERVE O SANGUE... I ABERTO DA AUTÉNTICA!

A billarda reivindica o seu espazo en Riazor, mentres a irmandiña queda co campo

Prepárase un torneo no que podería mesmo participar unha delegación iraniana, a billardear contra os galegos, alemáns e asturianos que se han xuntar este sábado ás portas do estadio.

Redacción - 12:00 24/12/2008

Velaquí vén o copia e pega do texto que nos pasan, en exclusiva para Vieiros, os promotores da Liga Nacional de Billarda (LNB), a Asociación O Varal, no que contan o que teñen preparado para este sábado. Mentres a irmandiña xoga en Riazor contra Irán, galegos e iranianos bateranse ás portas do estadio, con billardas e paláns:

Resistencia e Adiante coa Auténtica
Cada minuto, segundo e cada décima, un palanador e palanadora da LNB loita diariamente coa súa actitude na vida e na pista por chegar ao máximo que se pode aspirar neste noso deporte: vestir a camiseta d'A Auténtica. Pois ben, este sábado é o día.

A selección galega de billarda, A Auténtica reunirase na Coruña, ás portas de Riazor, un bocado antes de que a selección galega de fútbol dispute o seu encontro anual contra Irán. Este aberto, que será reivindicativo e festeiro, como as cousas billardeiras, está organizado pola LNB en colaboración co mensual Novas da Galiza e o colectivo Siareiros Galegos. A idea é darlle o palán para levantar o veto imposto nos estadios de fútbol para a billarda, xa que este ano non lle deixaron á Auténtica amosar o que sabe facer en Riazor, durante o descanso do Galiza-Irán.

Dos toxos e silvas de alindar as vacas ao céspede do estadios de fútbol
Cando hai uns anos a LNB invadiu a cidade da Coruña para disputar o I Billarda All Stars da historia, tremeron os alicerces do país enteiro por mor dun furacán de forza até daquela descoñecida que derrubou o mastro invasor que presidía o Orzán. Esa foi a gran carta de presentación mundial dunha revolución xa daquela imparábel.

Este sábado, despois de tanta leria, a selección galega de fútbol enfróntase a Irán nun partido completamente descafeinado pola xestión dos inimigos, pero gran estoupido vai estar na Praza do Almirante Romay, a carón do estadio coruñés, no I Aberto da Auténtica. Para aqueles que queiran participar, as inscricións faranse na propia praza, a partir das 16:00 horas do sábado. Todo o país debe estar a pé de pista facendo varados para meter as billardas en Riazor, o prado no que tiñamos que estar e pese a quen pese logo imos pisar, reivindicando o noso espazo!

Posíbel participación de Irán
Ao parecer, a LNB está a manter contactos coa delegación iraniana, para que unha selección de palanadores do país persa comparta os varados coa Auténtica e así se estabelezan lazos de unión para unha posíbel incursión billardeira en Teherán. E ademais da participación de Irán, están confirmadas as participacións dunha representación de Asturias e outra alemá, seleccións, ámbalas dúas, irmáns da Auténtica na pista, mais tamén compañeiras de lazos infranqueábeis de amizade e loita.


Ligazóns

4.78/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Estrea mundial do vídeo do I Aberto d'A Auténtica, en exclusiva para Vieiros

Fotocreación do fotógrafo underground NACHOK, titulada 'Billarda-Limacha', unha extremecedora instantánea na que a billarda semella reptar polo prado
Fotocreación do fotógrafo underground NACHOK, titulada 'Billarda-Limacha', unha extremecedora instantánea na que a billarda semella reptar polo prado
Aínda que neste cartaz pon na Praza de Portugal, finalmente será na praza que está detrás da Facultade de Náutica
Aínda que neste cartaz pon na Praza de Portugal, finalmente será na praza que está detrás da Facultade de Náutica