Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Piden a suspensión do concurso

Verdegaia advirte de que a "torta eólica" repartirase de costas ás recomendacións ambientais

"Á Consellería de Innovación e Industria só lle importa que Galiza produza máis electricidade, tanto sucia como limpa", critican os ecoloxistas.

Redacción - 09:30 26/12/2008

"Actúan coa mesma falta de sensibilidade ambiental que caracterizou o goberno do PP", láianse desde o colectivo ecoloxista Verdegaia ao respecto da actuación da Consellaría de Innovación e Industria. Para esta asociación o acontecido co concurso eólico sería exemplo da desatención deste departamento do Goberno cos criterios ambientais. Sinala Verdegaia que a consellaría non só repartirá un novo pedazo de "torta eólica" cun plano sectorial eólico "herdado" do anterior executivo, senón que incorporará "aquelas zonas non incluídas no actual que interesen aos promotores eólicos".

Igual destrución ambiental "pero con maior participación empresarial de capital galego e menos de fóra do país", agoiran ao respecto dos plans de Industria desde o movemento ecoloxista. Consideran os ambientalistas que o actual Goberno tiña doado mudar a política eólica cara a un modelo respectuoso co país e recordan que o departamento liderado por Fernando Blanco "rexeitou todas as propostas presentadas por Verdegaia ao borrador de decreto eólico para compatibilizar a enerxía eólica coa preservación do territorio". Entre as recomendacións achegadas polo movemento ecoloxista ao Goberno destacan a proposta realizada no seu momento para a elaboración dun mapa completo de zonas de exclusión por motivos ambientais "antes de outorgar novas autorizacións de parques". Un modelo que, lembran, aplicaron por exemplo en Asturias ou de Navarra. Así, segundo o proxecto actual, sinalan que no que lle toca á conservación da biodiversidade e da paisaxe, o único cambio a felicitar é a prohibición de construír novos parques en espazos da Rede Natura 2000, que en Galiza tan só ocupa un 11% do territorio.

Insisten na "suspensión" do proceso
Por estes motivos, a asociación ecoloxista Verdegaia únese á petición xa asinada pola Federación Ecoloxista Galega (FEG), para que se suspenda o concurso eólico "mentres non se elabore un novo Plano Sectorial Eólico e se amplíe a Rede Natura 2000".

"Ao se ter convocado o concurso sen fixar previamente límites ambientais á instalación de novos parques, a ampliación da potencia eólica en 2.325 MW provocará danos graves ao patrimonio natural galego", advirten, ao tempo que lle esixen á Consellaría de Industria que sexa "máis sensíbel á defensa do territorio e menos a certos intereses empresariais".


Ligazóns

3.38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: