Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cualifica de "fase inicial" a resolución

Touriño subliña que no Consello da Xunta haberá peneira "un por un" dos proxectos eólicos

Négalle lexitimidade ao PP para criticar o proceso, recordando que na etapa Fraga "estas cuestións decidíanas a dedo".

Redacción - 14:25 27/12/2008

"Entramos agora na fase definitiva de autorización, como corresponde á normativa e á lexislación vixente", afirmou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, ao respecto da resolución eólica coñecida este venres. Engadiu o presidente que a partir de agora é cando se decidirá "a autorización ou non" da instalación dos parques eólicos presentados e seleccionados pola Consellaría de Industria.

Recordou Pérez Touriño que os proxectos seleccionados deben ser tramitados "como plans e proxectos sectoriais" e que deberán contar cos informes respectivos de e Patrimonio (Consellaría de Cultura), de Urbanismo e Territorio (Consellaría de Política Territorial) e de Medio Ambiente, (Consellaría de Medio Ambiente). Apuntou tamén que a Consellaría de Economía revisará todo o relacionado coas tomas de participación pública, as variacións patrimoniais e a propia viabilidade económica dos proxectos presentados. Será a partir de aí cando cada proxecto sectorial "vai ser sometido á autorización do Consello da Xunta", expuxo.

"Estamos ante un procedemento regrado, como non podía ser doutra maneira nun Estado de dereito e nun Goberno democrático, onde toda esa fase de informes culminará necesariamente coa aprobación ou non proxecto a proxecto e de modo definitivo por parte do Consello", indicou ao fío. Pérez Touriño tamén se referiu aos proxectos seleccionados cunha potencia superior aos 200 megavatios, sobre os que salientou que serán incluídos dentro dun novo plan sectorial que "á súa vez ten que ser aprobado no seu día polo Consello da Xunta e que require de todos os trámites propios dun plan sectorial do Goberno".

De paso, o presidente da Xunta cargou contra o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, de quen dixo que "pertence ao pasado, un pasado que abandonou Galiza e que espero e estou seguro que non vai volver e que é o pasado do dixitalismo, da discriminación e da falta de procedemento". Segundo Touriño, os populares carecen de lexitimidade para criticar o actual proceso xa que "baixo o goberno do PP este tipo de cuestións decidíanas a dedo". Así, garantiu que no actual concurso eólico "prevalecerá o interese xeral de Galiza".


2.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: