Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Petroglifos en perigo

Queixa por "desbalde" de fondos na posta en valor do patrimonio de Cuntis, Moraña e Caldas

A veciñanza cualifica de "decepcionante" a actuación da Asociación de Desenvolvemento Ulla-Umia e pide que se corrixan "con urxencia" os danos causados.

Redacción - 12:05 30/12/2008

"Decepción" e "desprestixio" arredor do que podería ser unha boa carta de presentación do patrimonio histórico-cultural da bisbarra. Así o critica para Vieiros o voceiro local en Caldas do BNG, Constantino Carou, ao respecto dos "impactos negativos" producidos polo que cualifica de "fracaso" da anunciada posta en valor de diversos elementos do patrimonio cultural e arqueolóxico da zona.

O petroglifo de Laxe dos Bolos, en Caldas, "un dos máis grandes e rico do país", é o primeiro exemplo que expoñen, laiándose de que a intervención da Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) Ulla-Umia só serviu para a limpeza de biomasa no contorno. Ao fío, advirten de que a apertura dun camiño de terra e area sobre a ladeira provocou unha escorrentía que causou danos á beira do petroglifo. "Non se entende como o deseñador e executor do proxecto descoñecen escorrentías da auga sobre as ladeiras dos montes, menos mal que de momento non se lles ocurriu facer a plantación de carballos arredor dun petróglifo situado a 400 metros de altitude como recollían no proxecto", apuntan desde o Bloque caldelao.

As queixas esténdense tamén ao contorno do petroglifo da laxe da serpe, en Valga, e ao conxunto dos petroglifos de Cequeril, onde na rede de camiños tamén se ven arrastres da auga. Máis aínda, nos petroglifos de Chan de Deus, en Cuntis, denuncian que a zona na que se atopan as laxes con gravados quedou descoidada "con pegadas deixadas pola maquinaria sobres as pedras do contorno e quedou a terra removida sen rematar e con plásticos aterrados". Tamén hai queixa pola sinalización destes elementos, nalgúns casos, láianse, "realmente ilexíbel".

Veciños e entidades culturais xa denunciaran hai meses as deficiencias na autorización, supervisión e deseño das actuacións da ADR Ulla-Umia. Ao fío, agora o BNG local trasladoulle á Xunta a situación, demandando da Consellaría de Cultura e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), organismo dependente da Consellaría de Medio Rural con competencia nos fondos da UE que financian parte do proxecto, que interveñan de oficio e "con urxencia", para a corrección das eivas no proxecto e dos impactos xa producidos.


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: