Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Balance 2008 da FEG

"É preciso facer país destruíndo o país?"

A cuestión ambiental "segue sendo adorno" para as principais forzas políticas, avalía a Federación Ecoloxista Galega.

Redacción - 13:30 30/12/2008

A coincidencia da fin deste 2008 co remate da actual lexislatura é aproveitado desta volta pola Federación Ecoloxista Galega (FEG) para facer balance do treito completo do actual goberno. Unha traxectoria que, en conxunto, e segundo analiza a FEG, supón que as cuestións ambientais "seguen sendo tema accesorio" lonxe da estratexia transversal que a nivel executivo recomendan os ecoloxistas.

Con todo, queren iniciar peneira desde a FEG salientando as faragullas a felicitar neste tempo, entre as que destacan a aprobación de lexislación sobre residuos, paisaxe ou actividades insalubres e perigosas, a declaración de paisaxes protexidas no val do Navea ou nos Penedos de Traba e Pasarela, a declaración de Zona Protexida para as Aves en Pena Trevinca ou o anuncio da creación dun ente xestor de tren de curta e media distancia.

Así, a mesma cuestión ferroviaria é obxecto dunha das queixas principais dos ambientalistas, que lembran que o despregue do TAV vai acompañado da supresión da feble rede de tren de proximidade. Por outra parte, sinalan entre "a nova vaga de agresións" ambientais diversos plans de ordenación (o Plan de Estradas, o Acuícola e o de Portos Deportivos ou o proceso eólico). "De pouco vai valer o Plan de Ordenación Integral do Litoral, cando xa están aprobados o Plan de Acuicultura ou o de Portos deportivos", critican, acusando a Xunta de lanzar iniciativas que, deste xeito, deixan en papel mollado as anteriores.

Pechacancelas en canto a espazo protexido
A baixa porcentaxe de territorio ambientalmente protexido, a menor no conxunto do Estado, é unha das queixas principais da FEG. Está pendente a creación dos parques naturais de Ancares, Macizo Central e o Courel, e a propia ampliación da Rede Natura 2000, prometida ao inicio da lexislatura.

A principal denuncia é que se optase por botar adiante os plans acuícolas e as adxudicacións eólicas, o mesmo que o plan de portos e estradas, antes de proceder a esa ampliación. "Coas migallas que queden é co que se vai ampliar a Rede Natura", protestan os ecoloxistas, preguntándose se "é preciso facer país destruíndo o país?".

Tamén quedou no caixón a ZEPA da Limia, obriga á que instou a UE e sobre o que acusan a Medio Ambiente de presentar "unha proposta ridícula". O mesmo aprazamento existe coa ampliación dos parques de Corrubedo-Son e Xurés, "este último por intereses económicos duns concellos, algún deles coñecidos polo pouco respecto polo patrimonio ambiental e cultural".


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: