Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POR INXURIAS

O presidente de Sogama anuncia unha querela contra altos cargos da sociedade

Xosé Álvarez afirma que algúns cargos da empresa pública non perdoan que haxa “maior transparencia” nas contratacións. Cualifica aos que o "difaman" de "enchufados do PP".

Redacción - 14:50 30/12/2008

O ventilador acendeuse en Sogama. O presidente da entidade pública, Xosé Álvarez, anunciou este martes unha querela criminal por “inxurias e calumnias” contra altos cargos da entidade que o acusaron publicamente de cometer irregularidades económicas. O presidente conta co apoio total do conselleiro delegado (número 2 da empresa) que chegou hai pouco máis de dous meses ao cargo e que acompañou na comparecencia diante dos xornalistas.

O pasado mes de novembro, catro empregados de Sogama enviaban un escrito á Consellaría de Economía no que denunciaban presuntos tratos de favor do presidente de Sogama cara determinadas empresas relacionadas co tratamento de residuos. Entre os que asinaban a denuncia estaban dous altos cargos da entidade: o secretario xeral, Xosé María Hernández Sanmamed (fillo do ex conselleiro Hernández Cochón) e o xefe da área técnica, Ramón Pérez Mariño.

Logo de que o documento se filtrase á prensa, o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, saíu á palestra dar a cara polo presidente de Sogama. Vázquez cualificou os denunciantes de “enchufados” do PP. A acusación tiña que ver cun informe do Consello de Contas que denunciaba graves irregularidades na política de contratación de persoal durante os gobernos de Fraga.


A Garda Civil segue investigando un delito ambiental
Álvarez tamén falou da investigación xudicial que hai aberta por un vertido ao río Lengüelle. Logo de que este luns axentes da Garda Civil rexistrasen as oficinas de Sogama cunha orde xudicial, Álvarez insistiu en que Sogama vai poñer todos os medios para que se aclare o delito ambiental e anunciou que vai personarse no caso. As primeiras investigacións apuntan ao vertedoiro da Areosa, que xestiona a empresa Danigal a través dunha concesión. De feito, no proceso están imputados, canda o xefe da área técnica de Sogama, varios cargos de Danigal. Porén, o presidente asegurou que a actuación policial deste luns non ten nada que ver coas acusacións de tráfico de influencias, senón co caso do vertido.

Algunhas das claves da guerra interna que vive Sogama:


3.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: