Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MIGUEL BARROS, PROFESOR

"O BNG dá acollida a persoas dunha fasquía ideolóxica moi semellante á de Piñeiro"

Hai uns días leu a súa tese sobre o pensamento político de Ramón Piñeiro, que será publicada pola Editorial Galaxia.

Marcos S. Pérez - 12:10 04/01/2009

Ramón Piñeiro, o Partido Galeguista e o revisionismo nacionalista obtivo a máxima cualificación, sobresaliente cum laude, na súa presentación na Facultade de Ciencias Políticas da USC, nun tribunal formado por Ramón Villares, Miguel Caminal, Arximiro Rojo, Luis García Soto e Xosé Luis Barreiro Rivas. Miguel Barros analizou neste texto de mil páxinas, que inclúe numerosa documentación inédita, e dirixido por Ramón Maiz, o pensamento de Piñeiro e a súa contribución política á construcción da autonomía galega dende o galeguismo. A primeira gran achega intelectual no ano no que o de Láncara será protagonista do Día das Letras.

Miguel Barros militou durante anos no PSdeG-PSOE, sendo un dos principais representantes do chamado 'sector galeguista'. En 2006 abandonou o partido.

Na Tese falas de que Piñeiro levou a cabo un 'revisionismo nacionalista'. De que xeito?

Tivo a carraxe de revisar o principio das nacionalidades. Xa en 1956 escribiu un texto titulado 'apuntes para un novo galeguismo', coincidindo co centenario do Banquete de Conxo. Alí realiza unha reflexión sobre a evolución do galeguismo neses últimos cen anos, e fai unha distinción entre dous planos do pensamento nacionalista: o ideal, que é permanente, e que se base na reivindicación e a necesidade de contar con institucións de autogoberno; e os idearios partidarios, que son continxentes, e que cada partido adopta en función dos sectores sociais aos que representan.

E revisa o propio principio das nacionalidades, que vencella nación e Estado. Percibe xa daquela que ese concepto de estado-nación entrou en crise, entre outras cousas polo nacemento dun proxecto supranacional en Europa. Ademais, ve que as posibilidades de que Galiza conte cun Estado son escasas, e aposta por un proxecto máis viábel: Galiza pode ser unha nación, pero non necesariamente contar cun Estado de seu, senón que se pode integrar nun Estado federal supranacional. Ten unha mentalidade campesiña e percibe moi claramente o desnivel de horizontes entre o real e o desexado, e aposta por fundir eses horizontes. Así pois, revisa o nacionalismo galego e transforma o seu horizonte ideolóxico no federalismo.

Lígase ás veces a Piñeiro co 'galeguismo culturalista', pero ti sostés que el é fundamentalmente un político...
Calquera óptica pola que se analice a Piñeiro é estritamente política. Pero é un político sen ambicións inmediatas, é un ideólogo, unha persoa moi reflexiva. Pero esa visión política tena dende sempre: os dous primeiros textos que publica, con 16 e 18 anos, son na revista Yunque de Lugo, subtitulada 'Revista Política de Vangarda'; e os textos titúlanse "Da forma e o contido da política" e "A racionalización da política".

El mantén esa actividade política directa nos primeiros anos corenta...
El ten moi claro o concepto de presentismo político. Nos anos corenta é consciente de que a idea que quedara na oposición clandestina de todo o Estado era que Galiza caera en mans dos nacionais sen dar un só tiro. Para superar esa clandestinidade comeza a reorganizar os escasos colectivos galeguistas que quedaras: os Álvarez, Fernández del Riego, Marinhas del Valle...

Despois de 1945 chegou unha gran decepción...
Si, despois do desembarco aliado en Normandía en 1943, 1944 é un ano dunha incríbel actividade política, é cando se reorganiza o Partido Galeguista, sendo Piñeiro o seu secretario político. E 1945 é un ano de esperanza. Pero despois chegou a conferencia de San Francisco e a guerra fría; Piñeiro é dos primeiros que ve o futuro con lucidez, e de aí veñen os seus enfrontamentos con Castelao. En 1946 xa ve que non hai posibilidades de que se reinstaure a república. E dende aquel momento, seguindo a liña do presentismo político, obsesiónase con que Galiza estea presente en todo aquilo que poida ser un referente no futuro, por exemplo ter un ministro no goberno no exilio.

Galaxia era un partido político?
Galaxia era un partido político, recolle a lexitimidade do galeguismo histórico a través de Otero Pedrayo e de Manuel Gómez Román, e fai explícito o seu programa no documento das 'Sete misións políticas' de Galaxia.

Dende comezos dos sesenta moita xente nova comeza a afastarse de Piñeiro e a achegarse ao marxismo. Como vive Piñeiro eses movementos?
Piñeiro ten unha posición política ferreña, consistente en espertar en todo o mundo o deber de defender a comunidade: a lingua, o pobo..., todo iso non podía ser patrimonizado por un partido, cumpría crear forzas socialistas, liberais e conservadoras que fosen galeguistas.

Moléstalle a emerxencia do marxismo en Galiza nos anos sesenta, por exemplo no Consello da Mocidade?
Non lle importaba. Piñeiro tiña a claridade suficiente para ver a importancia social do marxismo, sobre todo nos anos sesenta e setenta. Tiña que haber partidos marxistas en Galiza, o importante é que fosen galeguistas. E Piñeiro sempre valorou a importancia dos partidos nacionalistas de esquerda para levar o galeguismo até as clases populares. Piñeiro non era un anticomunista veleidoso; el baseaba a súa oposición ao comunismo en tres puntos: en primeiro lugar, el era un humanista, cría no home e na súa liberdade; despois afastábao o desprezo que o marxismo fai das nacións sen historia; e en terceiro lugar, Piñeiro vivira a violencia da guerra civil, e os partidos marxistas galegos nos anos sesenta e setenta non rexeitaban a violencia por completo.

Cal é o seu papel na Transición?
Na Transición si que contemplaba con preocupación a deriva esquerdista dos máis novos. Fixo dous movementos para intentar que Galiza contase cunha autonomía de primeiro nivel: primeiro, o chamamento dos 29 intelectuais en 1977 para lograr o compromiso de todos os partidos galegos de reivindicar un autogoberno como o de Cataluña e Euskadi; e despois con Realidade Galega para modificar o aldraxante Estatuto que quería impoñer a UCD. Quixo facer de ponte, de mediador, e por exemplo negouse a entrevistarse con Suárez en 1980 para non prexudicar esa posición.

Por que ingresa no PSdeG-PSOE e non noutro partido?
Piñeiro foi sempre un home de esquerdas. E nunca escribiu a palabra socialdemocracia, sempre falaba de socialismo e quixo sempre aproximar o socialismo ao galeguismo. Cando un grupo de 150 intelectuais galeguistas asinaron un manifesto en La Voz de Galicia criticando a operación de entrada no PsdeG-PSOE, a Piñeiro iso disgustouno, pero era un home ferreño.

Na túa opinión o proxecto de Piñeiro triunfou?
Piñeiro espertou os soños e tivo a satisfacción de loitar polas súas ideas e de ver cumpridos eses soños.

Podemos dicir hoxendía que os tres grandes partidos en Galiza seguen as ideas de Piñeiro?
Que fixeron co tempo os partidos que se opuñan a Piñeiro, por moi marxistas e nacionalistas que foran antes? Tiveron que adaptarse. E despois está claro que a un partido estatal prexudícao o desapego da cultura e da lingua galega; claro, fan unha manipulación, pero é porque saben que que se a sociedade percibe que non actúan en clave galega, iso prexudícaos moito.

Podémolo dicir tamén do BNG? O BNG é 'piñeirista'?
Porían o berro no ceo se alguén lles di iso, pero o BNG parécese moito ao Partido Galeguista da Segunda República, o de Piñeiro. O BNG dá acollida no seu seo a persoas que teñen unha fasquía ideolóxica moi semellante á de Piñeiro, e de aí até a esquerda, até a UPG.

Na tese recolle moitos materiais inéditos, de que tipo?
Piñeiro era un home de acción e non editou practicamente nada do que escribiu. Pero puiden acceder aos seus arquivos privados, sobre todo na casa de García Sabell, a toda a súa correspondencia, que mantiña con máis de mil cincocentas persoas. Iso permitiume reconstruír o seu pensamento político e a súa evolución no tempo.

2009 vai ser un ano polémico?
Ten que selo, necesariamente. Piñeiro é unha persoa moi audaz: blasfema dentro do nacionalismo para revisar a fase nacionalista do galeguismo. Pero precisamente esa polémica pode ser extraordinariamente fértil na revisión da súa figura e do seu pensamento, e en consecuencia na revisión do noso presente e do noso futuro.


4.53/5 (70 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: