Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PALLASOS EN REBELDÍA

Crónica Cero, ou a denuncia viva contra as mortes a mans dos “malgobernos”

Iván Prado, activista que participa nunha viaxe solidaria de Pallasos en Rebeldía a México, fai chegar un escrito de denuncia sobre a situación que está a vivir o pobo palestino a mans israelís e ante a pasividade da comunidade internacional.

Iván Prado - 13:30 03/01/2009

Un día antes de saír de Barcelona dirección a Chiapas, agarro o xornal para gozar dun dominical almorzo na praza do Diamant. A portada xa non me deixa seguir: Israel, una vez máis, convértese na maquinaria de terror e xenocidio que nos recorda que a humanidade, como tal, segue en perigo. Dificilmente consigo contestar ao camareiro que me trae o café e non son quen de apartar a vista desa foto traumática. O número de mortos non é tan terrorífico como as declaracións do portavoz xudeo: "O peor está por vir".

Jan Yunes foi, sen lugar a dúbidas, a cidade de Gaza que máis nos impresionou na xira que fixemos os Pallasos sin fronteras en colaboración co Festiclown. Durante a primeira noite que pasamos alí, as forzas de ocupación hebreas deleitáronnos cunha sonata de disparos e lumes de artificio. Ao día seguinte, cando rematou a nosa función diante de cerca de 400 persoas (maioritariamente nenos) unha marea de rapaciños invadiu o escenario para cantar e bailar connosco cancións de liberación palestina e, cando xa estabamos recollendo as nosas cousas, unha nai achegouse con bágoas nos ollos para agradecernos poder ver o seu fillo rir despois de moitos meses de angustia.

Era o verán de 2003 e, cando nós saímos da faixa de Gaza, os israelitas pecharon a fronteira aos estranxeiros durante moitos meses. A seguinte delegación de pallasos que visitou a zona atopouse cos debuxos que os pequenos fixeran da nosa viaxe pendurados dos muros das escolas.

Hoxe, na cidade mexicana de San Cristóbal de las Casas, despois de saber que o número de ataques e mortos non para de aumentar, pregúntome cantos rapaces dese campamento de refuxiados e doutros que visitamos na zona do mundo mas superpoboada e máis "hiperdesprotexida" do mundo seguirán con vida, cantos deses rapaces que durante unha hora puideron vivir a condición de infante nun mundo deshumanizado están desexando nestes intres inmolarse diante dun cuartel dos asasinos israelitas, cantos daqueles pequenos hoxe se lembran da nosa visita e cantos se preguntarán onde está a comunidade internacional.

Hoxe, o meu pequeno interior, aquel que non sabe de política internacional nin de protocolos institucionais pregúntase ata cando o goberno español e o resto de gobernos europeos seguirán mirando para outro lado mentres se segue a reproducir o holocausto palestino, ata cando Estados Unidos seguirá financiando un xenocidio en palestina ante o silencio cómplice da ONU e ata cando imperará no mundo a forza do diñeiro e da inxustiza sobre o poder do amor e a capacidade creativa do ser humano. Eu non teño resposta para darlles.

Mentres nos preparamos para subir ao caracol zapatista de Oventic para participar no primeiro Festival da "Digna Rabia" que convoca o Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) en México -unha nova iniciativa desta guerrilla poética e transformadora que leva 15 anos construindo un muro de contención ao neoliberalismo e á globalización-, teño a esperanza que a sociedade civil tomará as rúas e prazas de toda Europa e do resto do mundo para pedir que Israel cese cos ataques e para darlle unha oportunidade á paz verdadeira, a que se constrúe sobre a xustiza e a dignidade da xente.

Teño esperanza porque, nestes intres, só me podo agarrar a ela. Cando todo apunta ao desastre, somentes o entusiasmo e a esperanza poden achegar a luz necesaria para saber cal é o camiño. Estamos a piques de comezar unha xira por comunidades indíxenas en resistencia ao mal goberno mexicano e ao mal goberno do mundo, o mercado, pero no meu corazón e na miña cabeza xa deron comezo os preparativos da próxima viaxe de Pallasos en Rebeldía a Palestina.

A humanidade non é un dereito nin unha condición, é unha rede invisible que rodea a todos os corazóns que habitan este planeta. Cada vez que alguén ataque a esta membrana en calquera lugar do mundo o corazón colectivo que todas somos resíntese. Resíntese polo golpe pero tamén se resinte polo silencio cobarde. Hoxe máis que nunca a nosa humanidade está a proba. Se queremos seguir sentídonos parte dun valor universal que lle dea sentido á nosa presenza neste espazo e neste tempo, deberemos responder a esta agresión contra o ser humano que están a vivir os nosos conxéneres palestinos.

A risa é o alimento do corazón, a esperanza o do futuro.


4,5/5 (2 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: