Adolf Merckle aparecía en 2008 no ránking Forbes como a 94ª persoa máis rica do planeta.
Xigantes como a farmacéutica Ratiopharm ou a cementeira Heidelberg Cement están baixo o control da familia Merckle. O patrucio, Adolf Meckler, na altura dos seus 74 anos, botouse ás vías do tren, nun suicidio que segundo publica a prensa alemá, deberíase ás dificultades para manter o imperio económico familiar.
Meckler perdera un golpe de millóns no último trimestre do ano froito dalgunhas apostas arriscadas no mercado da especulación bolseira. En particular, a súa conta viuse recortada pola aposta a que as accións da automobilística Volkswagen baixarían. Os analistas calculan que as perdas poderían andar arredor dos 400 millóns de euros. O magnate negociaba na actualidade a débeda do seu grupo empresarial que, con máis de 10 mil traballadores, factura por riba dos 30 mil millóns de euros anualmente.
"A desesperada situación das súas compañías, causada pola crise financeira, a incerteza das últimas semanas e a súa incapacidade para salvar os obstáculos, racharon a familia do empresario, que vén de quitarse a vida", pode lerse nun comunicado público da familia.