Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS GALEGAS

O BNG ultima un programa electoral que ten como eixos un novo Estatuto e a normalización lingüística

En materia económica, a organización frontista aposta por unha nova Lei de Caixas e pola creación dunha taxa para gravar a enerxía producida no país.

Redacción - 11:00 09/01/2009

A necesidade dunha reforma estatutaria que recolla a realidade nacional de Galiza é unha dos puntos centrais do programa electoral que prepara o BNG. Para a formación frontista o novo marco legal ten que ter moi en conta ás mulleres. Así, o programa demanda que o novo Estatuto teña “competencias exclusivas en materia de igualdade”. No programa electoral contémplase tamén a demanda de vinte traspasos e competencias así como a aprobación de medio cento de leis, modificación e regulamentos para todos os ámbitos do Goberno.

Mais o outro eixo central do programa vai ser a normalización lingüística. O BNG coida que é preciso darlle un uso “preferente” ao idioma  na administración, no ensino, nos medios de comunicación e nos servizos públicos en xeral.

En materia económica, os nacionalistas volven poñer enriba da mesa a necesidade dunha Lei de Caixas, a creación dun instituto de crédito propio, así como a creación dunha taxa para gravar a enerxía que se produce no país. En canto ao finaciamento, o Bloque comprométese a defender un novo sistema baseado “na plena soberanía fiscal”, o que se traduce na “territorialización dos tributos” e na creación dunha Axencia Tributaria propia.

Ademais, comprométese  a darlle pulo ás leis que xa se puxeron en marcha ou se aprobaron pero non comezou o seu desenvolvemento nestes case catro anos de Goberno socialista e nacionalista. En materia de medio rural, aposta por unha Lei de Montes (xa incluída no programa de 2005) e regular os cambios de uso da terra; mentres que en pesca, pide unha reforma do sistema de radiobalizas, unhas normas de extracción para os 'percebeiros' e unha lei de tripulacións.

A proposta electoral terá que ser aprobada este sábado polo Consello Nacional.


4.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: