Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Queixas contra Fenosa

A electricidade aínda non volveu a 60 mil fogares

MeteoGalicia mantén a alerta vermella por vento no mar e amarela por neve en Lugo, Ourense e Pontevedra.

Redacción / Europa Press - 08:00 26/01/2009

Actualización 8 horas:

A última hora do domingo a subministración de electricidade permanecía interrompida para 60 mil fogares do país. Segundo os datos da Xunta, a maioría dos usuarios afectados concéntranse na provincia da Coruña, arredor de 37.500, mentres que en Lugo o servizo quedou cortado para 19.700 fogares. Sempre segundo as cifras fornecidas pola Xunta, só 850 fogares estaban sen luz durante a noite do domingo na provincia de Pontevedra e outros 500 non recuperaran a subministración en Ourense.

Un dos exemplos da falta de electricidade na provincia coruñesa era a última hora do domingo o Concello de Abegondo, desde onde o rexedor Xoán Xosé Rocha denunciaba a existencia de zonas que acumulaban até máis de 40 horas sen luz. Rocha anunciou que pedirá "responsabilidades" á compañía Unión Fenosa polo corte sufrido no subministro ao municipio desde o pasado venres. Entende o alcalde que existiu "falta de coordinación" na empresa, á que acusa de ser "incapaz" de repoñer o servizo "en tempo razoábel", motivo polo cal esixirá que sexa Fenosa quen se faga cargo das perdas ocasionadas pola falta de electricidade.

Por outro lado, o servizo de meteoroloxía MeteoGalicia, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, mantén para este luns a alerta vermella por vento en mar de fondo e activou a alerta amarela por neve nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra. Segundo o parte facilitado polo organismo, todo o litoral do país permanecerá en alerta vermella por mar de fondo do noroeste, con ondas por enriba dos sete metros, que poderían chegar até os nove. Así mesmo, as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra permanecerán cando menos até as 12 horas deste luns en alerta amarela por neve que podería acumular até 4 centímetros en cotas superiores a 700 metros. Ademais, nas zonas de montaña das provincias de Lugo e Ourense a neve podería chegar a acumular até 10 centímetros en 24 horas.



18h35:

Fenosa condiciona o restabelecemento do servizo ás condicións meteorolóxicas

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño -que visitou este domingo varias das localidades máis afectadas polo temporal, na Mariña- anunciou que a previsión do Executivo é que a subministración de enerxía eléctrica se restabeleza "practicamente entre a tarde e a noite de hoxe".

Ademais, achegouse ao tanatorio de Burelas para lle trasladar o "pésame" á familia do sarxento da Garda Civil falecido a consecuencia do temporal. Para rematar, Touriño quixo trasladar unha mensaxe de "tranquilidade" e de "confianza" argumentando que dende a Xunta se está "traballando de xeito coordinado" co obxectivo de "salvagardar" a vida e a seguridade das persoas.

Unión Fenosa non se compromete
Por outra banda, a Consellaría de Industria cifrou este domingo ao mediodía en 86.300 os usuarios que continúan sen subministración eléctrica, 66.300 correspondentes a clientes de Unión Fenosa e 20 mil a Begasa.

Fenosa comunicou que traballa coa previsión de restabelecer o servizo para todo o territorio ás 21.00 horas "en caso de que as condicións meteorolóxicas non empeoren e de que sexa posíbel chegar aos lugares".

Ademais, Industria informou de que 35.206 clientes de telefonía fixa seguen sen liña, así como 11.727 de ADSL.


3.4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: