Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O temporal mantén 36 mil persoas sen luz

O Norte de Galiza segue afectado polo peor vendaval dos últimos 25 anos

O vento da pasada sexta feira chegou a ter unha forza superior á do ciclón Hortensia de 1984. Arestora, as nevaradas continúan na metade oriental do país.

Redacción - 17:45 26/01/2009
A neve, que segue caendo dende domingo, dificulta a circulación na parte máis oriental do país / Imaxe: Meteogalicia

A neve, que segue caendo dende domingo, dificulta a circulación na parte máis oriental do país / Imaxe: Meteogalicia

Os refachos de vento rexistrados en Galiza durante a noite do 23 para o 24 de xaneiro pasado foron causados por un fenómeno denominado cicloxénese explosiva, producido polo choque dunha masa de aire quente cunha outra de aire moi frío, que deu lugar a unha borrasca con ventos moi intensos, que mesmo chegaron a ter unha forza de 200 quilómetros por hora nalgúns puntos do país.

Os refachos de vento superaron os máximos históricos rexistrados en Galiza, acadando unha forza superior á rexistrada durante o paso do ciclón Hortensia, en 1984. Ao parecer o fenómeno meteorolóxico que viviu o país xa ten nome: é o ciclón extratropical Klaus, -segundo o Instituto Meteorolóxico Alemán, que o bautizou. Klaus, após pasar por Galiza, percorreu, alén do norte da Península, o sur de Francia, deixando, en total, 18 mortos (información sobre este ciclón na Wikipedia, en castelán).

Arestora, aínda continúan sen subministración eléctrica unhas 36 mil familias por todo o país; 14 mil tampouco teñen teléfono fixo, e sete mi ficaron sen liña ADSL, sobre todo nas comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrol. Así o sinalou o conselleiro de Industria, Fernando Blanco (BNG) esta segunda feira, mentres revelaba que a Xunta vai abrir unha investigación para pedir responsabilidades. Alén disto, Blanco dixo esperar que nas vindeiras horas se restabeleza o servizo e amosou o seu malestar porque as compañías non tiñan reforzado axeitadamente, durante o temporal, os seus servizos de atención ao cliente.

A Mariña e o Ortegal únense para pedir a declaración de zona catastrófica

Os concellos da comarca da Mariña, en Lugo, e do Ortegal, na Coruña, están barallando a posibilidade de unirse para pedir a declaración de zona catastrófica para os seus núcleos de poboación. As dúas comarcas foron as máis afectadas polas desfeitas que o vento produciu esta fin de semana.

Nas últimas horas, ademais, faleceu un matrimonio na Parroquia do Castelo, en Cervo (A Mariña), por inhalación de gas, producida ante o mal funcionamento dun xerador eléctrico; e outras oito persoas procedentes dos concellos de Guitiriz, A Fonsagrada, A Pontenova e Antas de Ulla están ingresadas no Hospital Xeral Calde de Lugo con síntomas de intoxicación.

As fortes nevaradas prexudicaron a circulación por estrada na parte oriental do país
Despois dunha fin de semana complicada na circulación por estrada, sobre todo a causa do temporal de vento e auga que asolou o país, este domingo comezaron as nevaradas intensas metade oriental do país. De mañá precisábanse cadeas para circular nalgunhas vías da Coruña e Ourense, mais xa pola tarde, só eran precisas, segundo a DXT, na LU-651 ao seu paso Alto do Boi, en Quiroga. Ademais, este organismo sinala que é preciso extremar as precaucións ao circular pola OU-122 ao seu paso por Carballeda de Avia (O Ribeiro) e pola OU-0704, ao seu paso por Manzaneda (Terra de Trives), en ámbolos dous puntos por causa da neve.

Ademais, nas Somozas (na Comarca de Ferrol), é preciso circular con coidado poa CP-4904 por causa das fortes rachas de vento. Por outro lado, a estrada PO-534 ao seu paso por Forcarei (Tabeirós) continúa pechada a causa do forte vento que interrompe a circulación.

Por outro lado, un total de 56 centros de ensino do país pecharon esta segunda feira as súas portas debido ás inclemencias meteorolóxicas. En concreto, 21 centros (17 na provincia da Coruña e catro en Lugo) non puideron desenvolver a actividade lectiva polos danos que o temporal de vento e choiva desta fin de semana provocou nas súas instalacións; outros 35 pecharon por causa das fortes nevaradas rexistradas, dende a tarde do domingo, na metade máis oriental do país. En total foron 7.228 os alumnos e alumnas -da Coruña, Lugo e Ourense- os que ficaron sen poder asistir a clase en todo o país.

O Consorcio de Compensación de Seguros prevé cubrir "a maioría de danos" na cornixa cantábrica
A "maioría dos danos" que provocou o temporal no país e no resto da cornixa cantábrica serán cubertas polo Consorcio de Compensación de Seguros, segundo estimou hoxe o seu director xeral, Ignacio Machetti, quen explicou que "nestes momentos" están "á espera" dun informe por parte da Axencia de Meteoroloxía que "especificará as zonas nas que o vento superou os 135 km por hora" e que "serán responsabilidade do Consorcio". "Seguramente recibirémolo -o informe- a última hora da tarde ou a primeira a mañá", adiantou, e calculou que a partir desta terza feira comezará a tramitación das reclamacións e "a solución ás consecuencias do temporal que correspondan".

Polo seu lado, a Xunta vai aprobar, no seu Consello desta quinta feira, un decreto de axudas extraordinarias co obxectivo de compensar as perdas causadas polo vento nas infraestruturas públicas, administración, comercio e vivendas particulares.


Ligazóns

3.5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Velaquí algunhas imaxes dos estragos que causou o vento por Ferrol, enviadas por un lector
Velaquí algunhas imaxes dos estragos que causou o vento por Ferrol, enviadas por un lector
Unha imaxe tomada polo policía local de Culleredo, na que aparece un vehículo sobre o que caeu parte dunha cheminea
Unha imaxe tomada polo policía local de Culleredo, na que aparece un vehículo sobre o que caeu parte dunha cheminea