Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza2009

Iolanda Díaz: "Se este é o cambio... Fraga facíao de marabilla"

A candidata de EU á Xunta carga contra os "atentados ecolóxicos" do bipartito e critica a privatización de servizos no eido do benestar social.

F. Arrizado / Vídeo: I.G.C. - 20:15 27/01/2009
Iolanda Díaz, este martes

Iolanda Díaz, este martes

A coordinadora xeral de Esquerda Unida, Iolanda Díaz, e o seu homólogo a nivel estatal dende hai pouco máis dun mes, Cayo Lara, ofreceron unha conferencia de prensa este martes na Facultade de Ciencias Políticas da USC, en Compostela, para falaren de diversos temas de actualidade, en especial dos referentes á crise económica.

A cita cos medios produciuse minutos antes de que Lara ofrecese unha palestra sobre a Lei Orgánica do Réxime Electoral que, segundo defende o seu grupo, "favorece o bipartidismo" de PP e PSOE, dúas forzas que "se parecen moito" en cuestións "fundamentais" como "o mantemento do sistema capitalista".

Esquerda Unida reclama "cambios" en profundidade: anulación do sistema de circunscricións provinciais, redución da barreira do cinco ao tres por cento como mínimo para lograr representación no Parlamento. "Viólase a Declaración dos Dereitos Humanos, porque non todos somos iguais segundo a Loreg", lamentou.

Votantes de esquerdas "frustrados"

A preguntas dos xornalistas sobre as aspiracións de EU nas eleccións do 1de marzo, Iolanda Díaz dixo que procuran "medrar en votos e ter voz no Parlamento", cun programa "alternativo" e "anticapitalista" dirixido aos votantes de esquerdas "frustrados" co actual Goberno da Xunta. "Se tivésemos un só deputado cambiarían moitas cousas", afirmou a comunista.

Díaz recoñeceu que unha lexislatura non é suficiente para levar a cabo "un cambio estrutural", mais censurou que nestes catro anos "puideron ir colocando os raís": "Tiveron a oportunidade e non cumpriron", sentenciou.

"Atentados ecolóxicos"

En concreto, centrou as súas críticas no que considerou "atentados ecolóxicos" do bipartito: "non cumprir o compromiso de retirar Ence da ría de Pontevedra; recorrer no Tribunal Supremo dúas sentenzas do TSXG contra Reganosa; ou aprobar a 'Sogama do sur' en Ribadavia.

Por último, a candidata á Presidencia da Xunta -que tamén reprendeu a Xunta en política lingüística- reprobou a ampliación da administración paralela e a "privatización" de servizos públicos como os relacionados co benestar e coas políticas de igualdade. "O BNG é un mestre da privatización", dixo, e concluíu dicindo que "se este é o cambio... Fraga facíao de marabilla".


3.06/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: