Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
E das súas consecuencias

O mundo xa estaba máis que avisado da chegada desta crise financeira

O Foro Social Mundial comeza no Brasil, lembrando que xa tiña alertado, todos estes anos, sobre o colapso do modelo económico internacional. Ademais, defendeu a súa capacidade para propoñer solucións.

Redacción - 12:40 28/01/2009

O noveno Foro Social Mundial (FSM) botou a andar esta terza feira dende o corazón da Amazonia, a súa capital, Belém do Pará, e ha continuar deica domingo.

Na xornada inaugural, e tal como se prevía, un dos ideólogos do FSM e membro do seu Consello Internacional, Oded Grajew, lembrou que nas oito edicións anteriores deste encontro altermundista xa se tiña "avisado" repetidas veces da chegada do colapso do modelo económico neoliberal imperante a nivel internacional, o causante da actual crise financeira mundial. Alén disto, Grajew rebateu as críticas de que o FSM é só un ente de reclamación, que non é quen de propoñer solucións. Para o tamén presidente do Conselho Deliberativo do Instituto Ethos de Empresa e Responsabilidade Social e integrante do Movimento Nossa São Paulo, as alternativas ao modelo neoliberal proclamáronse dende o foro durante anos, en distintas linguas e con distintas voces, mais non chegaron a ter repercusión entre os responsábeis das políticas públicas e económicas mundiais.

"Dicían que os recursos eran limitados. Agora na crise, de repente, apareceram trillóns de dólares para socorrer montadoras, bancos e empresas fallidas e que poderian ter sido usados para combater a pobreza, mellorar saúde, a educación", argumentou Grajew, ao tempo que atribuía a falta de visibilidade das alternativas propostas polo FSM á desinformadora cobertura dos medios de comunicación internacionais, que, segundo el, tentaron "folclorizar", durante anos, a xuntanza.

O FSM sempre denunciou "a globalización neoliberal e o mercado capitalista"
A representante do Foro Social Europeo, a italiana Rafaela Bolini, na súa quenda de palabra lembrou que nas primeiras edicións do FSM os movementos sociais e organizacións da sociedade civil que "denunciaban a globalización neoliberal e o mercado capitalista" sufriron a criminalización a mesmo a represión política. "E a denuncia era certa. A denuncia dos perigos para a humanidade, para o planeta e para a natureza era verdadeira. E estamos aquí porque esa realidade precisa gañar visibilidade", enfatizou Bolini.

Segundo esta activista, un dos obxectivos do FSM é evitar a fragmentación e construír propostas e alternativas á crise. "A solución para esta crise non será real se vén dos mesmos que a crearon", subliñou a representante do FSE.

"A construción dun mundo novo está nas nosas mans"
"A construción dun novo mundo vai estar nas nosas mans, correspóndenos a nós construílo. Temos un desafio monumental por diante. O noso desafio é repensar o desenvolvemento, mais com direito à esperança, à ousadia, à utopia", acrecentou o sociólogo Cândido Grzybovski, do Instituto Brasileiro de Análises Sociais e Econômicas (Ibase) e tamén membro do Consello Internacional do FSM.

O FSM inaugurouse esta terza feira en Belém, cunha manifestación multitudinaria -participaron por volta de 60 mil persoas-, mais, até domingo, os organizadores agardan xuntar unhas 120 mil persoas pertencentes a movementos sociais, organizacións da sociedade civil, movementos políticos, sindicaism organizacións estudantís e ecoloxistas de 150 países distintos. Nas rúas de Belém tamén estaban na terza, ben visíbeis, centos de indíxenas brasileiros, que, a ritmo de tambores, participaron na festiva marcha na que se berrou, un ano máis, que outro mundo é posíbel.


Ligazóns

4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Acampamento indíxena a carón da Universidade Federal Rural do Pará, sede do FSM de 2009
Acampamento indíxena a carón da Universidade Federal Rural do Pará, sede do FSM de 2009
Indíxena da etnia Caiapó axúdalle a pintarse a un participante na marcha inaugural do FSM
Indíxena da etnia Caiapó axúdalle a pintarse a un participante na marcha inaugural do FSM
Os activistas collen as súas identificacións ao á sede do FSM / Imaxes: Agência Brasil
Os activistas collen as súas identificacións ao á sede do FSM / Imaxes: Agência Brasil