Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO DA XUNTA

O Goberno destinará 17 millóns en axudas polo temporal

Cada consellaría encargarase de compensar cadansúa área temática cunhas subvencións que terán carácter subsidiario fronte a outras.

Redacción - 19:15 29/01/2009
Reunión do Consello deste xoves / Conchi Paz

Reunión do Consello deste xoves / Conchi Paz

O Goberno aprobou este xoves, como anunciara, o decreto de medidas urxentes para compensar os danos causados polo temporal que afectou o país a partir do 23 de xaneiro. As axudas, que se calculan nun total de 17 millóns de euros, terán carácter subsidiario respecto a outros sistemas de cobertura de danos, a non ser que non cubran a totalidade dos desperfectos.

As diferentes consellarías repartiranse as axudas segundo áreas temáticas, e emitirán ordes específicas que se publicarán nos vindeiros días no DOG. Así, Economía e Facenda encargarase de compensar danos persoais; Vivenda e Solo, os desperfectos en vivendas e instalacións complementarias; Medio Rural, as infraestruturas e equipamentos privados e as perdas en explotacións agrícolas, gandeiras e forestais; Innovación e Industria os danos en estabelecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís; o ente Portos de Galicia os estabelecementos situados en áreas portuarias de titularidade autonómica, e de compensar as entidades locais ou os seus bens encargaranse Presidencia, Política Territorial, Innovación e Industria, Cultura e Deporte e Medio Ambiente, segundo as súas competencias.

O decreto, que se publicará no Diario Oficial do martes 3 de febreiro, contempla até 18 mil euros no caso de falecemento ou incapacidade permanente e de 60 a 103 euros por día de hospitalización. As axudas tamén cubrirán até o 100 por cento dos danos na vivenda permanente e até o 40 en vivenda no habitual.

Ademais, o número de Información e Atención á Cidadanía, o 012, facilitaralles ás persoas afectadas polo temporal información detallada sobre os contidos do decreto.

Unha das áreas moi afectadas foi a zona forestal de Ortegal e A Mariña, a de maior densidade boscosa da Unión Europea, onde o temporal lle pudo afectar a máis de dous millóns de metros cúbicos de madeira. Por iso, a Consellaría do Medio Rural puxo en marcha un dispositivo urxente, "específico e singular" de retirada de madeira.


4,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: