Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
BALONCESTO, LIGA FEMININA

“O noso reto é xogar coma un equipo”

O lucense Tito Díaz afronta este sábado o seu primeiro partido como adestrador do Extrugasa despois de chegar esta semana ao banco vilagarcián.

Pablo García Martínez - 11:30 31/01/2009
Tito Díaz

Tito Díaz

Nos primeiros días desta semana a directiva do Extrugasa recibiu a dimisión do seu adestrador, Isaac Fernández, que despois de oito anos dirixindo ás de Arousa non se vía con vontades e, principalmente, con forzas para salvar o equipo do descenso. A directiva actuou rápida e decidiu contratar a Tito Díaz, antigo adestrador de Breogán, Rosalía ou Gestibérica entre outros. O adestrador lucense, afeccionado e socio do Extrugasa, afronta a súa primeira experiencia no baloncesto feminino cunha mestura de compromiso e sentimento que agarda contaxiar ás súas xogadoras.

Como se coceu a túa fichaxe?

A verdade é que foi unha cousa rápida. Eu teño dúas fillas nas categorías inferiores do Extrugasa. Vivo en Vilagarcía e son socio e seguidor do equipo, entón pensaron en min pola miña experiencia no baloncesto. Cando mo dixeron eu, como afeccionado do equipo, decidín que sería un acto de covardía dicir que non. Ademais eu penso que quedan máis de dous meses de competición e este equipo aínda pode dar moito de si.

Como acolleu o vestiario a túa chegada?
Ver unha cara nova sempre axuda. Elas necesitaban que pasara algo, un revulsivo. Pasou algo e eu creo que a reacción foi boa, agora hai que levala ao campo.

Que tal estas vendo ás xogadoras nestes días que levades adestrando?

As xogadoras reaccionaron moi ben. O equipo está moi mentalizado e tanto o segundo adestrador coma o preparador físico comentáronme que a ve adestrando moi ben, con moita intensidade. O primeiro paso é o adestramento, e até o de agora niso traballamos ben, mais falta o máis importante que é levalo ao campo. Elas teñen fame de vitorias e iso é moi importante.

Cales pensas que son os motivos da mala situación na que se atopa agora o equipo?

Eu non estaba dentro, pero polo que sei penso que non houbo sorte coas fichaxes das estranxeiras, isto obrigou a facer varios cambios que impediron a consolidación do grupo. Despois o outro feito determinante foi ter entrado nunha dinámica de derrotas moi mala de deixar atrás.

O teu primeiro partido é contra o EBBE Ibiza, que vos gañou na liga e eliminouvos da Eurocup. Pode isto ser unha motivación especial?
Elas xogaron contra este equipo tres veces e perderon sempre. Preséntase como un partido difícil, mais tamén é unha boa oportunidade para comezar a remontada. Son un bo equipo que, ademais, incorporaron fai uns partidos a dúas mozas americanas que están aportando case 20 puntos por partido. Nós imos a pola vitoria facendo un bo baloncesto e xogando en equipo, tanto en ataque como en defensa. Ese é precisamente o noso reto, xogar coma un equipo.

Supoño que se aceptaches este reto será porque confías seriamente nas posibilidades de salvación das xogadoras que adestras, non é?

Claro que confío! Eu estaba moi ben na casa e non tiña ningunha necesidade de meterme neste lio. Penso que as xogadoras van a xogar mellor como equipo. Estamos mentalizados de que quedan moitos partidos por xogar e temos opcións de gañalos.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: