Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Polémica pola acreditación dos votantes

Touriño defende o voto sen carné e avala que o PSOE lle pida explicacións á XEC

O PP pídelles que "acaten" a resolución. O BNG acusa a delegación da Xunta en Bos Aires de suxerir "a insumisión" dos emigrantes fronte á norma.

Redacción - 10:15 30/01/2009

"Se agora a Xunta Electoral Central (XEC) entende que debe haber outros elementos adicionais de acreditación, haberá que avaliar xuridicamente a pertinencia desa formulación", insistiu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tras o cal reiterou que a maior parte dos residentes ausentes "non teñen documento de identidade nin pasaporte". "É evidente que aí hai un problema", dixo.

Touriño apoiaba así a presentación dun escrito de aclaracións por parte do PSOE ante a XEC no que se pon en cueestión a instrución que lle obriga aos residentes ausentes a achegar unha fotocopia do carné ou do pasaporte para votar. Argumentan os socialistas que moitos emigrantes non teñen esa documentación. Pediu ao fío Pérez Touriño que non se faga "unha película de bos e malos" , retrucando que "algún que é moi bo agora", tivo a responsabilidade no Goberno e "non se acordou" de regular o voto emigrante.

Doutra banda, rexeitou Touriño valorar as declaracións do alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, nas que o rexedor animaba a todos os residentes ausentes a que "voten, aínda que non teñan os documentos actualizados".

Críticas á chamada á "insubmisión" dos emigrantes
As palabras de Orozco, pronunciadas nun acto na capital arxentina, foron incluídas pola Delegación da Xunta en Bos Aires nun documento difundido esta semana e que foi por iso duramente criticado este xoves polo BNG. O coordinador da campaña do Bloque e secretario de Organización, Alberte Ansede, reclamoulle á institución unha "rectificación", entendendo que ao pronunciarse nese sentido, insta os emigrantes a "unha especie de insubmisión" á resolución da XEC. Para Ansede constitúe un feito "intolerábel" e que "supera os límites". O nacionalista preguntouse se "a delegación organiza actos oficiais" con estes fins electorais. "Debe rectificar", solicitou.

Mentres, desde o PP, Celso Delgado, deputado ourensán no Congreso, expresaba a súa "satisfacción" pola ratificación da XEC do requisito de achegar a copia do carné de identidade ou do pasaporte co sufraxio dos emigrantes e esixíalle ao PSOE que a "acate de verdade e non coa boca pequena". "A Xunta Electoral falou alto e claro, deixando en evidencia os socialistas, que se opuxeron á instrución desta ferramenta de transparencia e que tiveron mesmo a desfachatez de non aceptar a instrución", criticou.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: