Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACTOS EN RIBADEO, CERVO E ASTURIAS

Cultura dedicará o 2009 a rehabilitar a figura do Marques de Sargadelos

O ilustrado e industrial, acusado de 'afrancesado' foi linchado polo pobo de Ribadeo o 2 de febreiro de 1809, hai douscentos anos.

Redacción - 12:45 03/02/2009

Os concellos de Cervo, Ribadeo e o asturiano de Santalla de Ozcos organizan, xunto á Consellaría de Cultura, un conxunto de actos que ao longo de 2009 homenaxearán ao Marqués de Sargadelos, que foi asasinado hai douscentos anos en Ribadeo.

Na primeira quincena de xullo o profesor de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago Pegerto, coordinará un congreso que analizará a figura do marqués. Ademais, divulgarase información sobre a súa vida e obra a través de distintos medios: un cómic dirixido aos máis pequenos, un ciclo de seis concertos de música clásica, material audiovisual, e cun ciclo de teatro afeccionado na Mariña. Xa por último, elaborarase unha ruta cultural que teña por puntos de referencia aqueles lugares nos que o marqués deixou a súa impronta.

Antonio Raimundo Ibáñez, máis coñecido como o Marqués de Sargadelos, naceu nunha familia fidalga en Asturias, pero estabeleceuse en Ribadeo aos vinte anos. Alí creou a fábrica de cerámica de Sargadelos, modelo do primeiro capitalismo industrial en España, sobre todo no que respecta ao control da produción e do persoal. Impulsou o enciclopedismo e introduciu dende Europa varias innovacións tecnolóxicas para as súas fábricas. Deixou varios escritos, nos que estabeleceu a súa ideoloxía burguesa e baseada na produción e na modernidade: "A poboación é a que constitúe a riqueza e a forza dos Estados. Non pode soster o progresar senón por medio da industria, fábricas, comercio e navegación, cuxos ramos son o poderoso axente da industria, que é a primeira, a máis esencial e indispensábel das artes".

Cando os exércitos de Napoleón ocupan a Península Ibérica, estendendo os ideais da revolución burguesa de 1789, o marqués posiciónase a favor dos invasores. En consecuencia, o pobo de Ribadeo, acirrado pola Igrexa e os nobres (enfrontados a Ibáñez durante décadas), asasínao o 2 de febreiro de 1809. O seu corpo foi arrastrado polas rúas de Ribadeo atado á cola dun cabalo. Fronte ás acusacións de 'afrancesado', Díaz Pardo defende que "Ibáñez traballou como un gran patriota mandando barcos con munición a Cádiz para a defensa do exército". Porén, ese 2 de febreiro un exército mandado polo xeneral Worcester, "acompañado de grupos iracundos enchidos de vinganza fernandina", entrou en Ribadeo e deixou tamén que as turbas fernandinas saqueasen o palacio de Ibáñez e mandou deter á viúva e ás fillas de Ibáñez.

Raimundo Ibáñez morreu mentres se tramitaba o seu título de marqués, que nunca puido ostentar en vida, pero a historia lle concedeu de forma póstuma.


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: