Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ESTREA UNHA CURTA PROMOCIONAL

'Setembro': O cinema galego á procura de medios para existir

Despois de dous anos o filme non puido comezar a súa rodaxe por problemas de financiamento. Busca o relanzamento do proxecto a través da rede.

Marcos S. Pérez - 09:30 05/02/2009

Setembro é unha longametraxe, escrita e dirixida por Xosé Manuel Bazarra 'Sepi'. Un proxecto sólido que funciona como exemplo das dificultades que continúan existindo para a produción dun filme no noso país. Setembro recibiu en 2006 da Consellaría de Cultura unha axuda de doce mil euros para a escrita do seu guión, pois a proposta de Bazarra mereceu o primeiro posto na convocatoria daquel ano. O guión converteuse nun dos proxectos máis valorados entre os que optaban ás subvencións á produción en 2007, e recibiu 240 mil euros, que axudaban a complementar o millón de euros do orzamento do filme.

Porén, dous anos despois aínda non comezou a súa rodaxe. O filme non foi quen de conseguir nos bancos o financiamento ou os avais necesarios, e a axuda da Xunta unicamente se entrega a posteriori, unha vez rodado o filme, e serve, en teoría, para facilitar a consecución de financiamento privado. A rodaxe ía comezar en outubro, pero paralizouse, interrompendo o traballo de meses. O problema agora é que se o filme non inicia a rodaxe neste ano perdería a axuda concedida pola Consellaría de Cultura, de carácter trianual, pero que caduca unha vez transcorrido ese tempo.

Un filme que nace na rúa e na rede antes ca no propio cine
Sen cartos, e como derradeira oportunidade para relanzar o proxecto, o equipo fixo unha curta, chamada 5 pezas, que estreará este venres no Teatro Principal de Santiago de Compostela a partir das nove e media da noite. Previamente, haberá un happening no restaurante Pedro Boteiro, con foliada e petiscos, presentada por Tonhito de Poi. Despois, pasarrúas até o teatro, e ao remate, de novo festa no Pedro Boteiro, coa actuación de Garcia (Dios ke te Crew) e os ponteareáns Colectivo Oruga. "É como se fixesemos unha folga á xaponesa; se hai problemas, en vez de quedar na casa, tiramos cara adiante", di Sepi.

Setembro percorre en cinco olladas a Galiza contemporánea e tece cinco historias irreverentes ambientadas nun país que se debate entre a tradición e a modernidade, cinco historias de incomunicación que amosan os contrastes entre o rural e o urbano. Está protagonizada por Celso Bugallo, Comba Campoy, Mela Casal, Tamar Novas, José Barato, Marta Larralde ou Nerea Barros. A curta que se estrea este venres presenta en 17 minutos os cinco personaxes que protagonizan a película, a xeito de precuela do propio filme. O equipo do filme presentou a estrea das curtas vestidos cunhas camisetas nas que se podía ler "son un produto e preciso produción".

A estrea da curta e a festa son o punto de partida dun proceso no que o equipo de Setembro quere dar a coñecer o proxecto, que terá unha gran presenza na rede; "o filme agora é só unha parte máis do proxecto", din. A partir deste venres as cinco curtas poderán verse na páxina setembro.es, presentándose deste xeito como un filme que nace na rede e na rúa antes que no propio cine. A web incluirá outros vídeos, textos, fotografías, música, ligazóns e diversas colaboracións e seccións destinadas a que os internautas participen. "O obxectivo", din, é "ir construíndo de maneira colectiva gran parte da película na Rede, e darlle voz ao crecente movemento xerado sen diñeiro e arredor de Setembro por membros dunha xeración que pide paso, que quere evitar por todos os medios que morra este proxecto, unha xeración que quere facer cine na súa terra e non está disposta a emigrar".


Ligazóns

4.86/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: