ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'A SEMENTE DA NACIÓN SOÑADA'

Ferrín na voz dos outros: Ética e estética

Este venres o autor recibe unha 'homenaxe nacional', na que tamén se presentará un libro sobre a súa obra e figura.

Marcos S. Pérez - 09:30 06/02/2009

A Comisión encargada de organizar a Homenaxe Nacional tamén preparou un libro, A semente da nación soñada, que reúne testemuños, análises e traballos de creación ao redor de Xosé Luís Méndez Ferrín. A Comisión estivo formada por Francisco Fernández Rei, Rosa López, Antón Dobao, Miguel Anxo Seixas, Anxo Angueira, Xosé-Henrique Costas, Olegario Sotelo, Xabier Vázquez, Manuel Bragado e Xosé M. García Crego.

O libro, editado por Xerais e Sotelo Blanco, trata case todas as facetas da vida de Ferrín. Atopamos, por exemplo, o moi revelador texto no que Alfonso Álvarez Gándara escribe de maneira moi persoal sobre a súa relación con Ferrín dende os anos sesenta; para Álvarez Gándara, a UPG "coa súa innegable importancia" débelle "ao universo do nacionalismo unha explicación formal do feito, en principio desconcertante, de se ter desembarazado do seu fundador". Destaca tamén o que escribe Antonio Gamoneda, que se dirixe a Ferrín como 'irmán', ou o de Luís Gonçales Blasco (Foz), centrado sobre todo nos movementos universitarios de Compostela e a organización en Galiza da oposición á ditadura.

No libro hai textos que xa quedan para a historia, como o de Camilo Gonsar, que achegou unha reflexión sobre o nacionalismo escrita pouco antes do seu pasamento este outono. E de igual xeito é sensacional o relato no que Cid Cabido lembra os anos de activismo do PGP e as noites de facer pintadas e fuxir da policía polas rúas de Vigo.

No libro-homenaxe, un formato que adoita servir unicamente para a louvanza, hai tamén críticas, como as que a Ferrín lle realiza Nemésio Barxa ao redor da disolución de Galicia Ceive ("um partido político nom se pode dissolver numa Assembleia que nom tenha sido convocada com ese objecto") ou sobre o xuízo contra os militantes desa organización, polo que Ferrín lle agradeceu a súa defensa legal a Ventura Pérez Mariño, mentres que Barxa asegura que o seu defensor foi el.

Canda ao Ferrín-político e ao Ferrín-escritor, atópanse tamén anécdotas curiosas sobre o Ferrín-amigo, o Ferrín-compañeiro, como a que relata Xenaro García Suárez: "aconteceu hai un par de anos, nunha cea de amigos, eu tocando o baixo. Cando interpretamos Walk on the Wild Side, o Méndez non o resistiu, ergueuse da cadeira, agarrou o micro e duduou sen tregua ao mellor estilo Lou Reed".

O compromiso político: A Ética
A Trabe de Ouro naceu entre 1989 e 1990, tempo da caída do Muro de Berlín que moitos quixeron converter no fin da historia e no comezo do todo vale, e tempo igualmente da primeira das maiorías absolutas que puxeron a Fraga á fronte da Xunta durante 16 anos. A revista nacía como un intento de (re)pensar Galicia e o mundo dende Galicia e co texto "Estamos abertos a todos e a todo; teimamos que nada do noso tempo e terra nos sexa alleo". No número catro da Trabe, en 1990, Ferrín escribía "a loita continúa... A meta segue a ser o socialismo, o comunismo. Confórtannos Marx, Lenin, Mao, que seguen a ser guía para a acción e suscitadores do pensamento (...) A nosa tarefa é comprender este tempo e preparar a teoría para subvertilo. Escoller os lugares nos que estar".

É dicir, Méndez Ferrín apostou sempre por se manter activo, en loita constante, mesmo nos momentos máis difíciles, nos que a derrota semella ser o único camiño lóxicos. Como escribiu en 'Con pólvora e magnolias', A determinación de chorar non impida a fouce/ e o puño dos meus amigos debruzados sóbor dos ríos/ cos esguíos corpos coma fouces.... Ou como escribiu a través de Heriberto Bens decidimos que a historia é traballo de cada mañán de cada día. E unha conclusión que sempre ten a ollada posta na esperanza: quero vivir pra ter días de pólvora victoriosa (...) quero vivir pra que os cabalos tristes/ da Groba, do Xistral e outras montañas (...) un día alaguen con inmenso urro/ a praza do Obradoiro para anunciarnos a invasión da libertade ('O fin dun canto')

Xabier Cordal asegura que Ferrín é "unha das figuras políticas que fundamentan a Galicia contemporánea", canda a Rosalía/Murguía e Castelao: "Ferrín protagoniza a ruptura coa galeguidade burguesa e enxerta o nacionalismo no cadro revolucionario mundial". Cordal engade que "para dar forma a esa simbiose pendente" foi "decisivo" o contacto de Ferrín e o comunista exiliado Luís Soto. "Ferrín logrou conciliar as máis esixentes teoría e práctica da vangarda dos seus días. En primeiro termo, a que levara a Fidel Castro ou Ho-Chi-Minh a desafiar a orde imperial mediante respostas nacional-populares, tal e como antecipara James Connolly que debía combaterse o imperialismo", di Cordal. A este respecto, para Ferrín, escriben Mariano Abalo e Xosé M. García Crego, "a estratexia independentista en Galicia é condición necesaria para que a clase obreira sexa administradora e propietaria dos recursos naturais e poida organizar os procesos produtivos en beneficio da maioría".

O proletariado é o protagonista da obra toda de Ferrín. "Non hai escritor moderno á marxe da cidade", escribe María do Cebreiro, que destaca un extracto dunha entrevista que Manuel Rivas lle realizou a Ferrín en 1977, publicada en Teima: "A clase obreira vive nos suburbios, vive na cidade. Eles van ser quen salven a Galicia ou a Galicia non a salva ninguén". Fronte aos nacionalismos etnicistas, fronte ao "conformismo nacional" que critica Francisco Sampedro, Ferrín opón, como xa fixera Xohán Vicente Viqueira, a necesidade de "non considerar Galicia como un arrabalde, senón como un centro".

A brillantez literaria: A Estética
No bloque de análise e crítica literaria, o volume contén as achegas de Anxo Angueira, Xosé Manuel Beiras, María do Cebreiro, Francisco Fernández Rei, Francisco Sampredro, Darío X. Cabana, Manuel Outeiriño ou Antón Santamarina. Están analizadas con brillantez 'Contra Maquieiro', 'Con Pólvora e Magnolias' ou 'Estirpe', aínda que se bota a faltar unha meirande sistematización xeral, para abranguer a obra toda dun xeito máis ordenado e global.

Ética e estética marchan da man en Méndez Ferrín. Como dicía Mao, unha poesía social ou política, por moi boa intención que teña, se non chega a ser unha gran poesía, acaba por ser unha poesía contrarrevolucionaria. Para o libro Beiras recupera un texto escrito en 1982 no que reclama que en Ferrín política e literatura "son esferas conxugadas e interpenetradas (...) xa vai sendo hora de acabar con visións tanto do home coma literatura ferrinianas que as esgazan sen capacidade ningunha de comprensión integradora desas dúas esferas que se dotan reciprocamente de sentido". Na entrevista que Freixanes publicou en 'Unha ducia de galegos' en 1976, Ferrín cóntalle que "eu púxenme a escribir non por escribir, senón por escribir en galego; púxenme a escribir con estrita conciencia patriótica, por desenrolar unha función práctica cara a unha Galicia que arelábamos ceiba e dona de si mesma, da súa fala, da súa cultura. Veleiquí como o inicio do escritor é o inicio dunha actividade política. Ambas as dúas son inseparábeis".

Na proposta que o Pen Clube lle realiza todos os anos á Academia Sueca para apoiar a súa candidatura ao Nóbel, destaca que Ferrín "ten demostrado rigor e compromiso abondos para iluminar toda unha paisaxe, múltiple e posta ao día, galega e universal" e liga a súa nominación a un recoñecemento do "grande e orixinal esforzo estético realizado a través dos séculos por galegos, provenzais, cataláns, vascos, bretóns, irlandeses en gaélico e outras literaturas escritas en linguas minorizadas, importantísimas, onte e hoxe, para a construción dunha Europa máis libre e máis plural". A este respecto, Rosa López salienta que "ao tempo que os escritores galegos o propoñen como candidato ao Nóbel de Literatura, el segue encabezando manifestacións minoritarias como militante das formacións políticas máis humildes".

Malia á importancia do mundo fantástico na narrativa ferriniana, Antón Dobao reclama que a súa literatura "non renuncia á realidade nin se evade dela. Ao se construír con materia real, ao transfigurar o mundo coñecido, penetra na realidade e descárnaa en toda a súa crueldade, coas miserias dos seus tempos históricos e as riquezas dos seus grandiosos proxectos de transformación e das súas utopías". A utopía, lembra Dobao, é unha presenza constante na literatura de Ferrín, "Utopía que non é quimera. Proxección liberadora". Pola súa banda, Francisco Sampedro destaca a loita de Ferrín "denunciando os grandes esforzos que nos últimos tempos se veñen realizando por anular a categoría de verdade no ronsel posmodernista, decatándose de que se a tal categoría resulta inútil, inútiles tamén serán todas as vontades en oporse á ditadura-mediático-mercantil na que vivimos".


4,62/5 (53 votos)


Comentarios (21)

Tino #1 6/Febreiro/2009 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

É ética esta homenaxe a 3 semanas das eleccións ás q ele é candidato?
Acho q non.

ecoe #2 6/Febreiro/2009 ecoe
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Unha homaxe a Ferrín sempre é necesaria, pola sua significancia (e representación sociopolítica) nos derradeiros 40 anos cando menos, mas a data non é a millor certamente, anque en calquera caso non vai desmerecer o imprescindible. Coido eu.

Xabi1 #3 6/Febreiro/2009 Xabi1
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Tranquis, nen facendo coincidiren as datas este home saca un voto máis.
Gosto moito das homenaxes merecidas, e esta é unha.
Mais se falamos de estética, por favor, que non esquezan a estética estalinista, favorita de tantos, nen tampouco o estético xesto de soñar con campos de concentración para os demáis, claro.

Carlinhos #4 6/Febreiro/2009 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo -3 Negativo]

Creio que se ham esgotar os queixos de asno (nom queijos) pola demanda dos comentaristas de Vieiros neste artigo. Queixos de asno (nom queixas)
http://pt.wikipedia.org/wiki/C...

roixordo #5 6/Febreiro/2009 roixordo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

¿e logo non convidaron ao Mauricio a participar no libro?

luisfoz #6 6/Febreiro/2009 luisfoz
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Infelizmente, por razões familiares, não poderei assistir à homenagem mas quero que fique constância da minha adesão afervoada.

Xabi1 #7 6/Febreiro/2009 Xabi1
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ah, Carlinhos..., tes algo sobre Abel?
Ah, Carlinhos, coa túa grafía, pensas que concordas co mestre?

Carlinhos #8 6/Febreiro/2009 Carlinhos
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

# Abel era pastor e Caim agricultor; o que me ensinaram no catecismo, mais podo procurar mais informaçom.
Dos mestres (como Méndez Ferrim, como Francisco Rodríguez e como Carvalho Calero) tenciono aprender; nem concordar nem dissentir por princípio. Saúde.

DanielErreCe #9 6/Febreiro/2009 DanielErreCe
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Non cabe dúbida: Ferrín foi e é un gran home, un portento de fondura humanística e de loita social desde a base, sen pretender alturas pero de altos voos… Como ser humano, porén, é moi imperfecto, coma min, coma nós… Como político coido que está fóra de sitio (quizás ese é o seu grande valor: como referencia do que podería ser pero nunca xamais será). Ferrín sostenlle a mirada ao pobo pero este o ignora… ou é á inversa? Coido que hai covardía por ambas as dúas partes.

En definitiva, esta homenaxe é a unha persoa egrexia, non a un político de éxito… É unha homenaxe a nós, ao pobo galego, coas nosas eivas e as nosas virtudes… a súa influencia electoral será, como moito, nula: o pobo, como diciamos, elixe outros vieiros.

xaviersouto #10 6/Febreiro/2009 xaviersouto
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Tanto homenagem da Burguesia e dos Poderes Fáticos nom indicam nada bom. Que te convertam em estátua viva seguramente há e ter um preço.

independencia #11 6/Febreiro/2009 independencia
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Grandísimo o mestre Ferrín.

Opinador #12 6/Febreiro/2009 Opinador
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Non, por deus, non, outro debate sobre se Ferrín isto ou aquilo é xa demasiado. Vieiros ten tratado o tema mil veces con milleiros de comentarios. Máis non, por favor. Deixémoslle ter a homenaxe en paz, non vaia ser que se lle indixeste a cea.

Reboirassempre #13 6/Febreiro/2009 Reboirassempre
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Saùde e forza. Onte,hoxe e sempre Independencia e Socialismo!!

mansdodemo #14 6/Febreiro/2009 mansdodemo
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Ferrín, é un gran MESTRE da LÍNGUA GALEGA. Susténtase da LÍNGUA oral e da gran tradición literaria.
"A loita continua.............

Indixenanoapartheid #15 6/Febreiro/2009 Indixenanoapartheid
[Valora este comentario Positivo +4 Negativo]

Poderemos estar de acordo ou non co posicionamento político deste grande home; eu non quero entrar nesa discusión. Mais alguén quen de escribir un conto como "Lobosandaus", un poema como "Don García, Rei", ou poemarios maxistrais como "Con pólvora e magnolias" ou "O fin dun canto", por poñer só uns exemplos da súa inmensa obra, precisa a homenaxe e o recoñecemento da xente do seu País, ó que engrandece e sitúa cos seus escritos entre os de mellor producción literaria. Esta Nación débelle moito, e eu, como lector seu, desexo agradecerlle inmensamente o terme conmovido e emocionado dun xeito moi profundo co seu talento poderoso. É un dos grandes e o será para sempre. Longa e boa vida, mestre.

xaviersouto #16 6/Febreiro/2009 xaviersouto
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

Na altura já nom se podem discutir os méritos estéticos de Ferrim dentro dum sistema literário periférico e subalterno como pode ser o galego.
O que eu encontro mais divertido dos inteletuais radicais nom é suas por demais comuns traiçoes –le trahison des clercs–, senom a lealdade, para usar uma palavra que soa um pouco antiga.
Falar em revoluçom, Estaline, Mao, definir-se como revolucionário, mas também chegar a ser como um jarro chinês no âmbito da indústria cultural burguesa nom é contraditório. A burguesia galega está a madurar. De cada quem segura o mais conveniente.

bertus #17 6/Febreiro/2009 bertus
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

A burguesía galaga segura, é certo, de cada quen o máis conveniente. Así, acepta a Ferrín como o fai xaviersouto (#16), isto é, tal coma a censura franquista falaba de Castelao: un bo artista e un pésimo político. Por iso Beiras dá no cravo cando di, que en Ferrín (non ocorre o mesmo con Cunqueiro), política e literatura están interpenetradas, de modo que non se pode concebir unha sen a outra.

juli_gz #18 7/Febreiro/2009 juli_gz
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Si os galegos asinaramos as teses de galicia bilingue, á volta de poucos anos xa poderíamos,levar os nosos libros en galego ó museo do povo galego, ficaria o idioma na "Rianxeira" e aos chistes, fago dende eiquí un chamamento á xornada de loita do 8 de Febreiro, contra o fascismo, cando estos saquen peito vai ser moi tarde, e os traidores a este pais terán a súa gran parte de culpa, vos fala un ex-militante da AN-PG dende 1976 ao 1982 onde o "radicalismo" era o norde, que xamais se debeu perder.¡INDEPENDENCIA! (sen medo) o povo galego saberá asumila sen dúbida, NON MINUSVALORALO¡ANIMO COMPAÃ�EIROS!

Castromao #19 10/Febreiro/2009 Castromao
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

A propósito da figura de Ferrín, recomendo o artigo de Manolo Rivas no País do venres: extraordinario! O artigo retrata a excelencia dos dous, a súa compatibilidade, dúas obras literarias exemplares, dous autores dos que nos sentimos orgullosos os que valoramos a intelixencia, a creatividade, o compromiso insobornábel coa nación galega.

dumiense #20 10/Febreiro/2009 dumiense
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

o rapaz da guitarra, un crack!

bertus #21 10/Febreiro/2009 bertus
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

http://www.elpais.com/articulo...

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: