Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SERÁ HOMENAXEADA ESTE SÁBADO

Fina Casalderrey, raíña do Salón do Libro de Pontevedra

A autora recibe o recoñecemento dos lectores, nunha xornada que se pechará cun concerto de Milladoiro.

Redacción - 12:00 07/02/2009

O acto de homenaxe do Salón do Libro a Fina Casalderrey terá lugar á unha do mediodía e contará coa presenza do escritor Antonio García Teijeiro. Antes, contra o mediodía, Almudena Janeiro porá voz aos contos como Loboferoz, Chocolata e A princesa do Caurel no espectáculo Contos en cantos, reflexo dun disco coeditado por Pai Music e a Editorial OQO.

Para rematar o día igual que principiou, con música, Milladoiro ofrecerá un concerto especial ás nove no Auditorio do Pazo da Cultura. A formación estará acompañada pola vocalista Laura Amado como convidada especial para presentar o seu novo álbum, A Quinta das Lágrimas.

Durante toda a fin de semana permanecerá aberta a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura (o sábado de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas e o domingo de 11.00 a 14.00). Alí exhíbense as exposicións Amor polas aulas (con traballos dos escolares de centros de ensino de Pontevedra e bisbarra), Filla das ondas (percorrido bio-literario pola traxetoria de Fina Casalderrey), Ilustraçoes.pt (producida pola Direcção Geral do Livro e das Bibliotecas de Portugal), Personalidades múltiples (que reúne parte da obra de cada un dos ilustradores que interveñen na presente edición: Anxo Fariña, David Rubín, Pasqual Ferry, Fran Bueno, Miguel Rocha, Jacobo Fernández e Max) e Ponte Amor (producida pola Escola de Canteiros).

A xornada do venres
O escritor vallisoletano Gustavo Martín Garzo pechou a xornada do venres no Salón do Libro de Pontevedra cunha conferencia sobre o sentimento amoroso e a súa pegada na literatura de todos os tempos. O amor, tema universal á condición humana, é, segundo Martín Garzo, unha forza que leva ao miragre e ao risco. "Cando contemplo ás parellas de namorados sinto que son funambulistas, que transitan por un fío pero non caen, e, ao mesmo, tempo, viven na inocencia sen se decatar do expostos que están aos perigos". O amor, para o autor de Tres cuentos de hadas, é como a vida e o poético, síntomas da fraxilidade da existencia: "como os nenos, as crías dos animais e os gromos das prantas". Ao seu entender, a acción decisiva do impulso amoroso é que nos comunica coa nosa contorna e cos demais: "o amor ponnos en contacto co valioso, non no senso económico, senón na acepción de que dá senso ás cousas, descóbrenos o mundo e ás persoas, rompe o noso illamento, por iso é tan importante".


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: