Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Presentación do programa

Quintana defende un rural vivo como "alma da nación"

Suárez Canal citou as melloras no contrato do leite, unha nova lei do viño, un novo plan cárnico ou un pulo das políticas de concentración parcelaria, entre as tarefas para a próxima lexislatura.

Pablo García Martínez - 10:00 08/02/2009

Por vez primeira a administración “converteuse nun aliado e non nun obstáculo” para o desenvolvemento do rural, analizou o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, como balance da lexislatura que agora se completa. Foi este sábado en Santiago de Compostela, durante o acto de precampaña electoral celebrado polo BNG para dar a coñecer o seu programa electoral concreto para o medio rural. Nel estiveron presentes, ademais do propio conselleiro e cabeza de lista pola provincia de Ourense, o candidato á presidencia da Xunta, Anxo Quintana e a última vicepresidenta do Parlamento Galego, Tereixa Paz. O acto celebrouse nunha ateigada feira de mostras de Amio, que acolleu nas súas bancadas a case 1.700 persoas.

Os tres oradores coincidiron na importancia do medio rural como un sector estratéxico para o futuro desenvolvemento do país. Anxo Quintana defendeu un "rural vivo" como parte fundamental da alma do país e explicou a política do seu partido de facer fortes investimentos nun aumento dos servizos para as zonas rurais. Así, segundo Quintana, o BNG creou máis servizos nas zonas rurais simplemente “porque estas eran as zonas que máis carencias tiñan”. Quintana afirmou que deste xeito pretenden rematar coa “espiral diabólica” pola que no medio rural non había servizos porque ao haber pouca xente non resulta rendíbel investir nesas zonas e, paralelamente, a xente marchaba do rural por falta de servizos.

Reiterou a intención de crear dun instituto de crédito oficial
Nun orde de cousas máis xerais, o candidato á presidencia defendeu que, co novo decreto eólico, os galegos e as galegas saquen partido por primeira vez da produción de electricidade que se leva a cabo no país. Tamén criticou con dureza a impunidade coa que actuaron os bancos até chegar á situación económica actual, e anunciou a creación dun instituto de crédito oficial que teña como obxectivo “por os intereses do país antes que os intereses dos propios créditos”. Quintana animou aos galegos a unirse fronte ás adversidades económicas que enfrontan actualmente e pediu o apoio para a súa organización, instando a demostrar un compromiso político votando “pola única forza que non rende contas a Madrid” e “poñendo así o seu amor polo país ao servizo do país”.

Suárez Canal canal defendeu a administración como aliado do rural
O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal dixo que nos catro anos de presenza nacionalista no goberno, por primeira vez, a administración “converteuse nun aliado e non nun obstáculo” para o desenvolvemento do rural. Súarez Canal criticou a “política para a galería” aplicada polos gobernos anteriores e lembrou as actuacións concretas aplicadas pola súa consellería neste sector estratéxico como o Banco de Terras, as Unidades de Xestión Forestal ou os plans estratéxicos para os cinco viños galegos con denominación de orixe. Suárez Canal pediu o apoio para o BNG explicando que teñen a intención de seguir traballando no camiño iniciado dende 2005 no que se pretende virar cara a economía produtiva uns recursos que tradicionalmente estiveron amoreados na economía especulativa. O conselleiro de Medio Rural eloxiou a capacidade de resistencia dos gandeiros ante os problemas de cota sufridos nos últimos anos e, en parte por iso, amosouse satisfeito porque as cooperativas de produtores lácteos sexan un dos entes empresariais máis beneficiados no reparto eólico.

Suárez Canal falou de melloras para a seguinte lexislatura como a negociación de melloras no contrato do leite, unha nova lei do viño, un novo plan cárnico ou un pulo das políticas de concentración parcelaria. O conselleiro despediuse lembrando que “o medio rural é o sector que máis precisa a aposta por unha forza propia, como o BNG, na contextura actual”.

Paz destacou o cambio experimentado nos últimos catro anos
A que foi vicepresidenta do parlamento durante a última lexislatura, Tereixa Paz, loou o traballo feito polo BNG a prol do medio rural. Paz falou dun traballo estruturado con dous claros obxectivos que foron: promover o relevo xeracional das persoas que traballan nas zonas rurais, e subir as rendas das persoas que traballan e, en xeral, viven nas parroquias. Paz falou tamén do avance á hora de facilitar o acceso da xente á terra, poñendo fin ao empobrecemento da riqueza colectiva que constitúe o abandono de leiras, prados e montes.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: