Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O goberno Berlusconi fala de "asasinato"

A historia da muller que reabriu o debate da eutanasia en Italia

O recente pasamento de Eluana Englaro remata co seu sufrimento e o da súa familia, mais deixa tras de si unha profunda crise institucional.

Redacción - 19:25 10/02/2009
Unha imaxe de Eluana Englaro

Unha imaxe de Eluana Englaro

Tras vela deitada nunha cama, 17 anos seguidos, en coma, o pai de Eluana Englaro, Beppino Englaro, conseguira, a pasada sexta feira, que os doutores suspendesen a alimentación e a hidratación da súa filla. Acababa de gañar unha batalla legal moi longa que terminou cun fallo da Corte Suprema italiana ao seu favor, e unha orde xudicial que obrigaba a desligar os medios que a mantiñan presa a un estado vexetativo persistente.

Dende o momento no que se coñeceu o fallo xudicial, o goberno de Silvio Berlusconi tentou, por todos os medios, parar o seu cumprimento, e de seguida emitiu unha directiva na que lles prohibía aos centros sanitarios do país interromper a alimentación a todos os pacientes que se atopasen na situación na que se estaba Eluana. Porén, a familia Englaro atopou unha estrutura sanitaria, a clínica La Quiete -en Udine, no nordeste de Italia-, que ficaba fóra do ámbito de acción desta directiva. Ante a perspectiva, o goberno tentou aprobar un decreto de lei que, porén, foi rexeitado polo presidente da República, Giorgio Napolitano. Pero, aínda con todo, Berlusconi non se deu por vendido e os seus ministros aprobaron, nun tempo límite, un proxecto que comezaba a debaterse no Parlamento, onde os partidos de goberno contan cunha cómoda maioría, a mesma tarde que Eluana faleceu.

Só Eluana
Apenas uns catro días despois de ser desconectada, na tardiña desta segunda feira, Eluana falecía. Os xornalistas italianos e as axencias internacionais de noticias, despois de estaren semanas atentos ao que acontecía con esta muller de 38 anos, puxéronse, a correr, en contacto co seu pai, que se atopaba lonxe da clínica, participando nunhas protestas. Segundo cita o xornal La Repubblica, Peppino Englano, limitouse a asentir: "si, deixounos, mais non quero dicir nada, quero estar só".

Pero isto non lle debeu resultar doado ao pai de Eluana, xa que durante toda a noite centos de persoas permaneceron reunidas fronte á clínica, no mesmo lugar onde estiveron, durante unha semana, militantes do Movemento pola Vida, nunha "vixilia de oración". Mentres, o bispo de Udine, monseñor Pietro Brollo, abriu a basílica da cidade, a Madonna delle Grazie, para que os numerosos cidadáns que se mobilizaron estes días contra a eutanasia puidesen acudir a rezar por Eluana.

Esta muller italiana fíxose en poucas semanas tan coñecida polas leas que se armaron no seu país entre os detractores da eutanasia e os seus defensores, que xa era chamada só polo seu nome, Eluana.

Italia, en crise institucional
A polémica comezara no mes de decembro de 2008, cando, despois dun proceso que se mantiña aberto dende hai unha década, a Corte Suprema decidía autorizar a suspensión de alimentación e hidratación de Eluana Englaro, para que esta puidese morrer, tras estar 17 anos en coma, os dous últimos nun estado vexetativo irreversíbel. Nada máis saber da decisión xudicial, Silvio Berlusconi comezou a mover os fíos e o Parlamento italiano estaba piques de aprobar o decreto de lei que prohibía a suspensión da alimentación das persoas en coma, cando se soubo da morte de Eluana, "en conformidade cos prazos da decisión xudicial". A reforma da lei non chegou a tempo, pero deu pé a un debate que traspasou fronteiras, e que creou unha crise institucional sen precedentes en Italia, alí tan pertiño do Vaticano.

O presidente da República, Giorgio Napolitano, xa se tiña amosado contrario á aprobación deste decreto, sobre todo porque a intervención do goberno creara un importante conflito co Poder Xudicial, polo que a Berlusconi só non lle quedou outra alternativa que emprender, ás présas, o camiño lexislativo. Por esta razón agora Berlusconi e o seu goberno responsabilizan a Napolitano da morte de Eluana.

"Unha sensíbel e consciente reflexión común"
Así se soubo do falecemento de Englaro, os políticos italianos lanzáronse a opinar en cada un dos foros posíbeis. De feito, un dos primeiros en falar foi o presidente de Pobo da Liberdade -o partido de Berlusconi- no Senado, Maurizio Gasparri, quen dixo que sobre a morte desta muller "pesan as sinaturas postas e non postas", en clara alusión a Napolitano, palabras polas que mereceu as duras críticas da oposición.

Porén, o número dous do goberno de centro dereita e actual presidente da Cámara dos Deputados, Gianfranco Fini, desmarcouse da liña que está a tomar o seu partido, cualificando a Gasparri de "irresponsábel" e asegurando que "debería aprender a calar". Mais na defensa de Gasparri tamén saíu o segundo do seu partido na Cámara Alta, Gaetano Quagliariello, quen asegurou que "Eluana non morreu, senón que foi asasinada". A mesma frase saíu dos labios de Berlusconi, quen lamentou que Eliana morrese "mentres eses -os parlamentarios- discutían sobre a constitucionalidade dun deseño de lei do goberno", o que fixo que "vencese a cultura da morte no canto da cultura da vida".

Mentres, a presidenta do Partido Democrático, Anna Finocchiaro, denunciaba a "absoluta, sinistra e vulgar instrumentalización" que o goberno empregou neste caso. Porén, o ministro de Sanidade, Maurizio Sacconi, considerou, polo seu lado, que o Parlamento debería continuar o debate sobre a lei que debe regular o testamento vital "para que o sacrificio de Eluana non fora inútil". Pola súa parte, outro dos líderes do centro dereita, Umberto Bossi, pediu "respecto" por Eluana e polo seu pai, aínda que considerou, de todos os xeitos, que "non se pode deixar morrer de fame e sede a unha persoa". O presidente da República, Giorgio Napolitano, porén, invitou á calma e considerou que tras a morte de Eluana, Italia atópase nun "momento de dor e turbación nacional" que debería conducir a "unha sensíbel e consciente reflexión común".

Esta terza feira o Senado italiano aprobaba, por 159 votos a favor, 104 en contra e tres abstencións, unha moción pola que se prohíbe suspender a alimentación e a hidratación aos pacientes incapaces de valerse por si mesmos, para asegurar que no futuro non haxa un caso coma o de Eluana. Mais lexitimando outra volta, se cadra, a necesidade de continuar co debate sobre a eutanasia.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: