Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
por non cumprir os parémetros

Retíranlle a Ence a certificación sustentábel das súas filiais forestais

A decisión tomouna o Consello de Certificación Forestal (FSC-Forest Stewardship Council), e afecta tanto a Norfor como a Silvasur.

Redacción / EP - 20:15 10/02/2009
Imaxe da campaña de Adega para que se lle retirase o selo FSC a Norfor

Imaxe da campaña de Adega para que se lle retirase o selo FSC a Norfor

O Consello de Certificación Forestal (FSC-Forest Stewardship Council) acaba de retirarlle definitivamente o certificado de xestión sustentábel ás filiais da empresa Ence: Norfor, con sede en Galiza, e Silvasur, con sede en Andalucía.

O motivo foi que a empresa non modificou o parámetro que se refire á diversificación das súas plantacións. Porén, para o vicepresidente da Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra, Benito Andrade, "Ence sempre se negou a cumprir os estándares de diversidade", mais, alén deste parámetro "incumpre moitos máis" dos estipulados polo FSC.
Pola súa parte, Adega, outro dos colectivos que xunto con Adena, a APDR, Greenpeace e Verdegaia, entre outros, iniciou unha reclamación formal na que denunciaban "as malas prácticas forestais das madeireiras de ENCE" que culmina coa retirada deste selo, acusou a Norfor de empregar herbicidas prohibidos, de realizar plantacións de eucalipto mediante un "arado salvaxe e desbrozado das fincas forestais", así como de falta de información sobre a súa xestión forestal e ocultación da situación das parcelas distinguidas co certificado ambiental.

Campaña para que Ence non recupere este certificado
A delegación no Estado Español do FSC ha desenvolver nos vindeiros meses, unha xuntanza para estudar a posibilidade de introducir reformas nos seus estándares, impulsadas por empresas "que se dedican a plantacións forestais intensivas, principalmente as que fabrican pasta de papel", segundo indican dende Adega.

Nesta reunión tratarase a posibilidade de modificar o chamado Principio 10, para crear "diversidade na composición das plantacións", unha medida encamiñada a "mellorar a estabilidade económica, ecolóxica e social", segundo consta nos Estándares Estatais de Xestión Forestal para la Certificación FSC. Mais para Adega e a APDR, esta modificación "engade incerteza" ao selo. Segundo os ecoloxistas, "é preciso que non se baleire de contido ambiental o Principio 10, porque para que o selo FSC sexa garantía dunha xestión forestal sustentábel, necesita do apoio dos grupos ecoloxistas".

Até o de agora, o FSC é líder mundial en Certificación Forestal e mantén o único selo que introduce criterios ambientais na súa xestión. Os grupos ecoloxistas queren que siga sendo así xa que o outro selo existente, a Certificación Forestal Paneuropea (PEFC), "non aporta suficientes garantías ambientais e só supón un lavado de imaxe para a industria forestal máis depredadora e unha fraude para os consumidores". Nesta liña, ámbalas dúas asociacións sinalaron que han pelexar para que Ence non recupere este selo.


4.85/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ence, na Ría de Pontevedra / Flickr: surfercosmovision
Ence, na Ría de Pontevedra / Flickr: surfercosmovision
O selo foille retirado ás filiais de Ence por non especificar ben a diversificación das súas explotacións forestais / Flickr:
O selo foille retirado ás filiais de Ence por non especificar ben a diversificación das súas explotacións forestais / Flickr: