Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións en Israel

Netanyahu posíbel primeiro ministro co apoio dos seus aliados naturais, a ultradereita

Co 99% dos votos escrutados, o Kadima (centro dereita) de Livni tería 28 deputados, un máis có Likud. Lieberman (15, dous máis cos laboristas) ten a chave do goberno.

Fernando Arrizado - 09:15 11/02/2009
Co 99% escrutado

Co 99% escrutado

Escrutado o 99% dos votos e cos líderes dos dous principais partidos, Tzipi Livni (Kadima, centro dereita) e Benjamin Netanyahu (Likud, dereita), o único certo é que haberá un goberno de coalición; e nese suposto, os 27 dos do segundo teñen máis valor que os 28 dos da primeira.

Tal e como predicían as enquisas, o partido de extrema dereita Yisrael Beitanu que lidera o ex porteiro de discoteca oriúndo de Moldavia, Avigdor Lieberman, superou en escanos o Partido Laborista (Avoda) do até o de agora ministro de Defensa, Ehud Barak (15, os primeiros; 13, os segundos), informan os medios locais.

Lieberman, abertamente xenófobo anti-árabe, xa dixo que deixaba a porta aberta a calquera opción, ben apoiando o Likud, ben o Kadima, aínda que advertiu que preferiría un goberno "nacionalista". O lóxico é que se decante polos de Netanyahu, cos que comparte máis postulados.

Para chegar aos 61 deputados necesarios que outorgan a maioría no parlamento, o Knesset (120, en total), haberá que contar con outras forzas. Aí é onde entran en xogo partidos relixiosos como o ultraortodoxo Shas, que conseguiu 11 representantes. Netanyahu xa anunciou que esta cuarta feira á tarde manterá unha xuntanza co seu líder, Eli Yishai.

Yahadut HaTorah HaMeukhedet (Xudaísmo Unido da Torah), outra das formacións integristas que se presentaban a estas eleccións anticipadas, lograría 5 representantes. De dereitas, sionistas tamén, estarían Jewish Home (3) e National Union (4). Completan o arco parlamentario: a United Arab List (Ra'am) (4) e o Balad (3), árabes -as súas candidaturas foron finalmente amparadas polo Tribunal Supremo; e o Meretz (3) e o Hadash (4), de esquerda.

Lieberman, un fixo no goberno. E Obama?

Os resultados finais non se coñecerán até esta quinta feira, cando se conten os aproximadamente 150 mil votos dos residentes ausentes, a maioría de soldados que nas pasadas eleccións foron parar a partidos da dereita.

Tzipi Livni, no entanto, conserva as súas opcións. Mesmo non descarta un goberno de unidade nacional. Mais se quere ser primeira ministra, pode ter algo seguro: Lieberman ha estar no seu goberno.

Outra das incógnitas que se desvelará en pouco tempo é cal vai ser a política da nova administración estadounidense respecto a Oriente Próximo, sobre todo se se confirma un goberno de coalición de ultradereita-ultraortodoxos.

  • Máis información: 
Haaretz | Jerusalem Post | Arutz Sheva (relixiosa) | Al Jazeera (árabe)


3.5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Lieberman, o gran vencedor destas eleccións
Lieberman, o gran vencedor destas eleccións
Netanyahu ten moitas posibilidades de presidir un goberno de ultradereita-ultraortodoxo
Netanyahu ten moitas posibilidades de presidir un goberno de ultradereita-ultraortodoxo
Os laboristas de Barak, como estaba previsto, foron os máis prexudicados
Os laboristas de Barak, como estaba previsto, foron os máis prexudicados
Livni reclama a vitoria para os seus, mais tera difícil poder formar goberno
Livni reclama a vitoria para os seus, mais tera difícil poder formar goberno
Resultados electorais de todas as formacións, a falta de contar o voto dos residentes ausentes (clique para ampliar) / Fonte: 'Haaretz'
Resultados electorais de todas as formacións, a falta de contar o voto dos residentes ausentes (clique para ampliar) / Fonte: 'Haaretz'