Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
19 ANOS DESPOIS DA SÚA SINATURA

Portugal adianta que o Acordo Ortográfico entrará en vigor neste semestre

A Biblioteca Nacional de Lisboa acolleu a presentación do primeiro corrector informático que inclúe todos os cambios propostos polo acordo lingüístico.

Redacción - 12:45 18/02/2009

"Estamos en conversas cos outros países da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) para ver se encontramos unha data común para que todos adoptemos a ortografía do novo acordo nos documentos oficiais, a prensa nacional e os diarios oficiais", dixo esta semana o ministro de Cultura portugués, José Antonio Pinto Ribeiro. Así, adiantou que o obxectivo é que o Acordo Ortográfico entre en vigor neste primeiro semestre de 2009, se ben matizou que todo depende das negociacións con estes outros países (como Cabo Verde, Sao Tome e Príncipe). Pinto Ribeiro subliñou que despois desta data, os cidadáns terán máis facilidade para asumir os cambios, xa que se incluirán nas novas edicións dos libros, dos manuais escolares ou dos textos oficiais.

Asinado polos representantes oficiais de Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Moçambique, Portugal e São Tomé e Príncipe en Lisboa o 16 de decembro de 1990, este corpus ortográfico entre os países lusófonos segue a xerar debates entre profesores e lingüistas que discrepan sobre o carácter político ou cultural do cambio. Con todo, o ministro portugués destacou que antes de xullo a cidadanía afrontará este período de transición e de adaptación ás novas normas. Aínda así, recoñeceu que levará moito tempo asumir cambios como a extinción do guión e a alteración de acentos gráficos.

Corrector informático
Estas declaracións enmarcáronse no lanzamento do FLIP 7, unha ferramenta informática creada pola empresa Priberam, que permite unha conversión automática do portugués de Portugal e do Brasil de acordo coas novas normas ortográficas dos dous países. Este instrumento, un software para Windows, inclúe dicionarios, auxiliar de tradución e corrector e permitirá a conversión de 200 páxinas en menos dun minuto ás regras do novo Acordo Ortográfico.


Ligazóns

4.56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O novo Acordo Ortográfico suporá a supresión do guión ou a alteración de acentos gráficos
O novo Acordo Ortográfico suporá a supresión do guión ou a alteración de acentos gráficos
O Acordo foi asinado en 1990 por Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Portugal e Sao Tomé e Príncipe.
O Acordo foi asinado en 1990 por Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Portugal e Sao Tomé e Príncipe.