Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
PABLO MACÍAS, XOGADOR DO OCTAVIO

"Sería un gran orgullo representar a Galiza nun mundial de balonmán"

O sempiterno central do equipo vigués analiza a situación actual do seu club, e tamén da Irmandiña de balonmán.

Pablo García Martínez - 11:00 20/02/2009
Pablo Macías, capitán do Octavio

Pablo Macías, capitán do Octavio

No deporte os vencellos entre os deportistas e as entidades coas que traballan adoitan ser efémeros e instrumentais, por iso resulta especialmente curioso o caso deste vigués que cumpre a súa 18ª tempada dentro do club. Con 13 anos ingresou na Academia Octavio e con só 17 pasou a formar parte do primeiro equipo, polo que os 13 anos que leva na elite do balonmán galego dotan as súas palabras dun valor engadido. Dende esta privilexiada posición, Pablo Macías falou con Vieiros para analizar o pasado, presente e futuro do seu equipo e tamén o da Irmandiña, coa que estivo no partido xogado en 2006.

Supoño que os 13 anos que levas no primeiro equipo dan para moitos recordos. Cales son os mellores e os peores que tés?

Os momentos máis duros son os descensos que viviu o equipo e, no eido persoal, as lesións. O máis doce son todos estes anos coa elite do balonmán e, especialmente, os anos que conseguimos xogar competicións europeas.

Despois deste tempo supoño que o Octavio pasa a ser parte da familia. Dá vertixe pensar en ter que deixar algún día o equipo?
Eu crieime no Octavio. Cheguei ás categorías inferiores con 13 anos e fixéronme como xogador e tamén como persoa. Sei ben que o día que me toque deixalo vaime doer, porque estou facendo algo que me gusta e quero agarrarme a isto todo o tempo que sexa posíbel. Despois de tantos anos o club convértese nunha parte moi importante da túa vida e a min gustaríame seguir unido a el cando remate a miña carreira, pero agora só penso en xogar.

O vindeiro 11 de Marzo comezades a participación na copa, onde estarán os oito primeiros clasificados e arrincades a competición contra o CAI de Zaragoza, que actualmente é noveno na liga. A que aspirades neste torneo?
Dos equipos que había tocounos aquel co que, en principio, temos un nivel máis semellante. Nós pensamos na posibilidade de alcanzar as semifinais pero vai estar moi difícil pasar de aí porque os outros equipos son moi fortes. Aínda así, este é o torneo das sorpresas...

Na liga ocupades actualmente a sétima posición. Cal é o voso obxectivo para o que queda de campionato?
Estamos facendo un bo ano e penso que, como moito, aspiramos a subir un ou dous postos máis na clasificación. Entrar nos cinco primeiros xa é moi difícil porque estamos falando de equipos moi fortes, que dobran o noso presuposto, como é o caso de Barcelona, Ciudad Real, Portland San Antonio ou Ademar León.

A nivel de seleccións acaba de celebrarse un mundial en Croacia que gañou Francia. Que papel pensas que desenvolvería a Irmandiña se participase nun evento destas características?
Penso que podería facer un papel digno e estaría en condicións de competir con equipos como Arxentina, ou Brasil que son os que quedaron eliminados na primeira rolda do último mundial. O nivel tamén depende de que se lle dea continuidade á selección, porque isto vai facer que os xogadores se coñezan cada vez máis e mellorará a competitividade do grupo.

Gustaríache ver a selección galega competindo nun evento como o mundial?
Sería realmente bonito. Eu penso que é un proxecto a longo prazo, porque agora non o vexo como como unha posibilidade real. Para min e para calquera xogador de aquí sería un gran orgullo representar a Galiza nun mundial.

Un dos principais problemas que ten a Irmandiña, que tamén se reproduce no Octavio, é o avellentamento do seus cadros de xogadores. Como ves as xeracións que veñen por detrás?
O futuro depende do traballo cos novos que fagan os clubs, e tamén os xogadores que estamos arriba, porque temos a responsabilidade de transmitirlle aos mozos a sensación de que eles poden ocupar o noso lugar. Eu o exemplo máis próximo véxoo nos xuvenís do Octavio que adestran connosco, como é o caso de Pablo Cacheda ou Fernando Martínez, que teñen un bo nivel pero precisan que os axudemos para chegar ao primeiro equipo. Está claro que temos futuro e o outro exemplo está nos bos resultados que están apañando os mozos das seleccións cadetes.

A chegada da crise económica pode facer que os clubs aposten máis polos xogadores das súas academias deportivas?
O xogador da canteira sempre sal máis barato. Os clubs ultimamente implícanse máis e penso que agora si que van saír xogadores para os primeiros equipos. O ideal sería ver a sete ou oito xogadores galegos xogando no Octavio.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: