Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Amósanse seguros dos 38 escanos

Rajoy prognostica que o domingo a dereita vai dar "unha tunda histórica"

Nun cambio de estratexia, o líder do Partido Popular español apareceu en Redondela moi medrado, asegurando que nacionalistas e socialistas "levan catro anos perdendo o tempo".

Redacción - 18:06 24/02/2009

O presidente do Partido Popular, o pontevedrés Mariano Rajoy, exerceu este martes de entroido de profeta na súa terra, participando nun mitin en Redondela, no que, amosándose moi seguro, prognosticou a vitoria total do candidato do PPdeG, Alberte Núñez Feijoo.

Rajoy asegurou que o vindeiro 1 de marzo, o PPdeG halle dar a PSdeG e BNG, "unha tunda da que se han lembrar o resto dos seus días", subliñando que, ao seu ver, o bipartito "fixo da ineficacia e a incompetencia" o seu "sinal de identidade".

Apelando á crise económica, prognostica 38 escanos para o PPdeG
A seguir, Rajoy, que estaba en Redondela só, sen a compañía de Feijoo -que se atopaba en Pontevedra, presentando as súas propostas en materia de deporte-, tamén augurou que o PPdeG gañará as eleccións galegas, "con máis de 38 escanos", porque socialistas e nacionalistas "levan catro anos perdendo no tempo". Nesta liña, quixo sinalar que cando o bipartito chegou ao poder, en 2005, "creábanse empregos todos os días e había crecemento económico", mentres que arestora acontece "xusto o contrario".

Fronte ao bipartito, Rajoy asegurou que o seu candidato, Alberte Núñez Feijoo, "abordará a crise en serio", xa que prometeu "un Goberno que respecte a xente". Falou da "necesidade" de ser "austeros" neste tempo de crise e criticou que haxa "pemes e autónomos a pasalo mal" en Galiza, mentres "se oe falar de automóbiles coma os de Obama ou de cadeiras de 2.300 euros", o que, segundo o líder popular, "é unha falta de respecto ao contribuínte".

Críticas a Quintana e repaso ao "conflito lingüístico"
Rajoy tamén se referiu ao mitin desenvolvido polo BNG en Oia, acusando ao candidato do BNG, Anxo Quintana, de ter "enganado" a un grupo de pensionistas para levalos ao acto, segundo dixo, e "soltarlles o rollo", cando estes ían "cara un xantar de Entroido a Portugal".

Tamén criticando a xestión de Quintana, o líder popular prometeu a posta en marcha da Lei de Dependencia, e, a seguir, volveu facer fincapé no que denominou "conflito lingüístico". Segundo Rajoy, o seu partido non quere este tipo de conflitos, e sinalou que "en Galiza a xente sempre falou o que lle deu a gana". Porén, defendeu o dereito dos pais e nais e escoller a lingua na que se eduquen os seus fillos, o que se traduciría nunha segregación de alumnos nos centros.


1.11/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: