Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Mar Barcón

"Agora será a verdadeira e definitiva lexislatura do cambio"

Falamos coa secretaria de Organización do PsdeG e candidata nº 1 do PSOE pola provincia d'A Coruña.

R. Noguerol - 13:15 27/02/2009

Ás portas de pechar campaña, repartiu e mitineou vostede en auditorios e rúas máis e menos afíns. Con que argumento lle pide o apoio aos interlocutores que ve menos convencidos?
Insisto na idea de que hai catro anos Galiza apostou por un cambio e que agora non se pode parar. Completamos unha lexislatura chea de éxitos, pero iso non significa que non sexamos autocríticos. Catro anos non foron abondo. Demostramos ser capaces de botar adiante políticas ambiciosas. E agora é o momento de seguir apostando por esa Galiza da transformación liderada polo presidente Emilio Pérez Touriño. Unha Galiza baseada en tres eixos: cambio, confianza e progreso.

En tempo de entroido, viu vostede moito disfrace nas propostas dos seus rivais? Algunha que lle preocupe especialmente?
Penso que o PP non se disfrazou. De feito amosáronse tal e como son. Repiten e insisten en erros e prexuízos de anos atrás. Prometeran cambio pero só vimos o relevo nalgunhas caras. No fondo é a mesma herdanza caduca. Hai exemplos graves no programa co que acoden a estas eleccións. Ideas que xa Fraga levara no programa hai dez anos e que nunca levaron á práctica cando tiveron a oportunidade e xestionaban a Xunta. Aí o Goberno actual introduciu un cambio fundamental. Estabelecéronse unhas prioridades ao comezo da lexislatura e penso que se cumpriron nun grado elevadísimo.

Por certo, non lle preguntei se vai botar de menos a area política municipal?
Sempre se bota de menos as etapas nas que unha conseguiu obxectivos e grandes satisfaccións no traballo a prol dos cidadáns. O municipal é unha escola onde se aprende moito, no contacto máis próximo coa xente, na tarefa de axudar, sobre todo escoitar moito, e responder con rapidez ás demandas da xente. Penso que iso me axudará nesta nova etapa.

Temor á desmobilización na dirección socialista a día de hoxe? Dise que, por exemplo, os electores coruñeses empezaron fríos esta campaña...
É certo que se percibiu unha situación que levou a insistir e facer un chamamento á mobilización masiva nestes últimos días especialmente. No fondo todo xorde da estratexia do PP de facer como se non houbera campaña. De aí a renuncia de Feijoo ao debate ou mesmo na circunscrición da Coruña a propia renuncia do líder da candidatura, Carlos Negreira.

Esperaban outra estratexia de campaña por parte do PP?
Non. Por un lado evitan medirse e confrontar directamente, porque carecen de ideas e proxecto. A súa vontade é gañar desmobilizando o electorado. Non estamos sorprendidos. O PP cae a cada paso máis nesa alianza coas actitudes menos democráticas. A actitude que tiveron nesta campaña é dunha pobreza de espírito lamentábel. Doutra banda, tratan de gañar coas prácticas sucias que puxeron en marcha. Todo é exemplo de que lles queda moito por aprender para facer unha transición real cara a unha forza que poida facer oposición política digna neste país.

Vostede revelou agora datos de trastadas do goberno Fraga que xa atoparan en 2005 cando o PSOE chegou ao Goberno. E fíxoo para retrucar as acusacións ao Presidente. Equivocouse este Goberno na estratexia diante dos cidadáns á hora de explicar os cambios que defenden?
Os cidadáns tiñan en 2005 unha ambición grande de cambio. Había un ansia de rapidez, de profundidade, moi grandes na sociedade. E do mesmo xeito un ansia urxente do executivo por responder de xeito firme e forte a esas demandas. Pero insisto. Ás veces esquécese que foi só unha lexislatura, apenas tres anos e medio. Había moito que mudar. E non entrabamos nun simple cambio de Goberno, senón nun cambio de etapa, dunha era que viña de décadas atrás, con apenas a paréntese do goberno de González Laxe. Existía neste país unha penetración social de estruturas creadas polo PP que obstaculizaban Galiza, e iso acontecía en concellos, deputacións e tamén na Xunta. Por iso pedimos a confianza para continuar. Agora será a verdadeira e definitiva lexislatura do cambio.

Como candidata pola provincia d'A Coruña á hora de entrar no Parlamento? Que é máis urxente para a circunscrición que representará?
A Coruña vai vivir momentos moi importantes nestes anos vindeiros. Veremos a ampliación da autoestrada, veremos os portos exteriores da Coruña e Ferrol. Veremos a aposta polo desenvolvemento de áreas metropolitanas que respondan a demandas urxentes. E xa de xeito xeral, as mesmas claves que queremos para todo o país: afondar nas apostas prioritarias que este Goberno demostrou facer polo ensino, pola sanidade, polo fornecemento de servizos públicos e o relanzamento dos nosos sectores produtivos.

O seu antecesor no cargo na secretaría de Organización compatibilizouno co liderado dunha consellaría. Vostede se chega o caso, preferiría adicarse a unha ou a outra tarefa?
Non entra nos meus plans entrar no Goberno. Voume adicar con intensidade ao traballo no Parlamento e ao labor que me encomendaron como secretaria de Organización.

Algunha arela cara ao traballo parlamentario que agora enfrontará, que unanimidade lle faría máis feliz na Cámara?
Varias, e coinciden cos propios ofrecementos para o consenso que o presidente da Xunta acaba de ofrecerlle a todas as formacións políticas. Son tres grandes acordos: contra a crise económica e polo emprego, a prol do consenso en materia lingüística e un terceiro acordo sobre o desenvolvemento do autogoberno dentro da Constitución. E subliñaría especialmente o afastamento realizado polo PP no tema da lingua, unha mala noticia para Galiza. Nós non queremos división nin ruptura con este tema e tampouco imposición.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: