Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Galiza2009

O PP apaña un escano do PSdeG en Pontevedra, clave para a maioría

Comarcas como o Deza ou Vigo, puntais na vitoria popular.

Redacción - 00:30 02/03/2009

Pontevedra non lle fallou a Feijoo. O PPdeG chimpa máis de tres puntos, dende o 43,90%, e achégase á cifra máxica da metade do apoio dos votantes da circunscrición. Tanto PSdeG como BNG perden porcentaxe de votos, que aos socialistas lles costa un deputado en favor dos populares. Salientan os excelentes resultados acadados polos conservadores na comarca do Deza, que son quen de mellorar o 56,40% de apoio de 2005. Vigo, na mesma tónica ca o resto de áreas metropolitanas do país, amparou maioritariamente as listas de Núñez Feijoo, onde nacionalistas e socialistas baixan dramaticamente.

Vigo
Cun incremento de catro puntos na participación cidadá, a maior cidade do país, Vigo, outorgoulle confianza maioritaria ao PP, que chimpa ao bordo do 42% dos votos, logo da caída ao 37% experimentada hai catro anos. No mesmo concello, os socialistas perden seis milleiros de votos e os nacionalistas arredor de tres mil sufraxios. A evolución é similar no conxunto da comarca viguesa, onde os populares foron quen de superar finalmente os 100 mil votos.

Pontevedra
Autoestrada arriba, o PP volve poñerse no municipio de Pontevedra por riba dos 10 mil votos, cun incremento de cinco puntos porcentuais. Nesta cidade os electores castigaron especialmente a opción socialista, que se deixa case seis puntos. Máis feble foi a caída no recanto do Lérez dos nacionalistas, que contan coa alcaldía da cidade, e que deixaron apenas tres puntos. Cifras todas porcentualmente similares a nivel comarcal.

O Morrazo
Un ámbito comarcal onde destaca o incremento conseguido pola lista do PP no Morrazo, seis puntos até un total de 21 mil votos. Atrás destes, o PSOE perde apenas trescentos votos e o BNG afunde perto de 2 milleiros, caendo seis puntos, do 28 ao 22,%. En Cangas o PP reforza a posición maioritaria que conseguira na cita de 2005, en detrimento do Bloque, mentres que o PSOE permanece en cifras estábeis. Un escenario parecido ao de Moaña, onde o BNG mantén a segunda posición que obtivera hai catro anos, malia perder oito puntos, vendo como se distancia no liderado o PP, cun milleiro de votos máis. Marín convértese nesta comarca nun dos mellores fortíns populares, rebasando a barreira do 50%.

O Salnés
Máis arriba, saca músculo claramente o PP no Salnés, onde brinca por riba do 50% dos votos, cinco mil electores máis que confiaron nos populares, unha conta aproximada que se reparte no descenso de PSOE e BNG. Nesta área, o poder municipal socialista non freou un descenso de até seis puntos da lista que lideraba Touriño, de feito que neste 2009 pasa a ser o PP a principal forza con ampla vantaxe.

Deza e Tabeirós
Das tendencias vistas até o de agora, sae a comarca do Deza, onde o PP amosa unha débil subida en comparación co resto, malia que é ben certo que se move nunha elevada porcentaxe do 56,75, un par de décimas extra para a saca popular. O PSOE dezao experimenta unha pequecha suba dun punto, mentres o BNG deixa dous. Con todo, na capital da bisbarra, Lalín, os de Feijoo rabuñan un par de puntos, os mesmos que reparten a perda de socialistas e nacionalistas. Á beira, Tabeirós-Terra de Montes amosa un inédito descenso de dous puntos para o PP, de paso que abrolla o PSOE chimpando do 26 ao 32% dos votos. O Bloque cae aquí do 18,3 ao 14,2.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: