Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Consorcio na picota

"O PP non ha dar un paso para cuestionar o persoal laboral fixo"

Xosé Luís Rivera, da CIG, asegura que a nivel político-sindical pelexarán por "todos" os traballadores e pola "filosofía" do modelo. CCOO di que a nova Xunta os terá "en contra se hai privatización" dos servizos sociais.

F. Arrizado - 12:55 09/03/2009
A eficiencia do Consorcio, cuestionada

A eficiencia do Consorcio, cuestionada

Tal e como informaba este xornal o venres pasado, o persoal laboral do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar respondeu mediante un comunicado as manifestacións do futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, nas que cuestionaba a "eficiencia" do sistema asistencial posto en marcha polo Goberno en funcións.

Xosé Luís Rivera, da CIG -o sindicato maioritario que preside os catro comités de empresa provinciais-, asesora os traballadores nestes momentos de incerteza, ante o que parece o desmantelamento do Consorcio coa chegada do novo presidente popular. Rivera considera que Feijoo se "aventurou" coas súas declaracións, na liña da campaña electoral, "contando mentiras".

"O PP non ha dar un paso para cuestionar o persoal laboral fixo", asegura o sindicalista; "a nivel legal-xurídico" non é posíbel que o faga. "A nivel político-sindical, poden ter por seguro -recalca- que imos defender todos os traballadores e traballadoras, e tamén a filosofía do servizo porque é un beneficio para o país".

"Coas galescolas a taxa de escolarización incrementou estes anos, e a asistencia aos maiores medrou máis ca nunca. Agardaremos a coñecer a alternativa que propón Feijoo, mais no caso do galego xa está claro: é a primeira vez na historia que un presidente vai en contra da lingua do seu país", comenta.

O xornalista retrúcalle a Rivera: "Mais Feijoo di que é un modelo moi caro, no que se gasta máis en burocracia que en asistencia ...". "Feijoo o que quere é facer igual que fixo coas fundacións: asinar convenios ridículos, e que as educadoras cobren 700 e pico euros brutos", contesta o sindicalista.

"Legalidade incuestionábel" das oposicións

Outro tema polémico é o do proceso selectivo do persoal laboral, que a dereita política e mediática utilizou durante a campaña electoral para pór en dúbida a xestión do Consorcio. Rivera tamén é rotundo neste asunto, e defende a "legalidade incuestionábel" da adxudicación de prazas.

"Hai un persoal fixo que pasou un proceso selectivo, e hai outro persoal que tamén o pasou; é mentira o que din", di, e explica que CIG e UXT "chegamos a un acordo para que a adxudicación fose por concurso-oposición, onde a parte de concurso non chega ao 45%". "CCOO, que foron os únicos que non apoiaron o acordo, defendían que a selección se fixese por concurso de méritos", afirma.

O importante, expón, é que "non hai xente colocada a dedo", e o peor, sinala, é que hai traballadores con contrato de obra e servizo que lles remata en xuño. Porén, neste senso, lembra que hai un proceso aberto de consolidación de prazas, convocadas en decembro, e que -insiste- "o PP non vai cuestionar".

CCOO: "O PP teranos en contra se hai privatización"
Ao respecto, o coordinador de Administración Autonómica de CCOO, Emilio Doforno, afirma que a postura do sindicato que representa é diáfana: "Criticamos antes a política de clientelismo e criticaremos agora a política de privatización". No entanto, prefire agardar a coñecer a proposta do novo Goberno.

En todo caso, Doforno di que na primeira xuntanza que manteñan con Feijoo entregaranlle o 'Pacto pola mellora dos servizos sociais na Xunta de Galicia' , documento elaborado antes das eleccións. "O PP -asegura- teranos en contra se hai privatización".

Sobre a posibilidade de que se 'municipalice' a xestión dos servizos sociais, dende CCOO non se opoñen "sempre e cando -volve insistir- non supoña privatizalos". Iso si, consideran que en calquera caso a Dirección da xestión debería depender da Xunta, xa que "non é o mesmo traspasar unha gardaría a un concello como Vigo ou A Coruña, que a outro máis pequeno que non o pode asumir".


4.9/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: