Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xestión dos servizos sociais

Delegados da CIG concentraranse esta quinta feira diante da sede do PPdeG

O sindicato sinala nun comunicado que non aceptará "nin a privatización nin o recorte do persoal" laboral do Consorcio.

Redacción - 18:00 09/03/2009

A CIG, sindicato maioritario nos catro comités de empresa do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, emitiu un comunicado, na liña do difundido o venres pasado polos traballadores, no que aseguran que non aceptarán "nin a privatización nin o recorte do persoal" do servizo.

Alberto Núñez Feijoo afirmou a semana pasada nunha comparecencia ante os medios que o Consorcio "é un modelo de xestión pouco eficiente e moi caro, que gasta máis en burocracia que en asistencia".

"As declaracións só se entenderían se pretende rescindir estes servizos ou privatizalos; en calquera caso a sociedade galega debe coñecer as súas intencións e concretamente os/as traballadores/as do Consorcio necesitan despexar o seu futuro. Hai que ter en conta que, ademais de deixar de atender a poboación necesitada, tamén suporía unha perda de postos de traballo", conclúe a CIG.

"Burocracia"

"Soamente desde o descoñecemento máis absoluto ou na pretensión de buscar argumentos, aínda que sexan falsos, para privatizar este servizo, se pode afirmar que se gasta máis en burocracia que en asistencia", afirman.

Neste senso, sinalan que dos 1.110 traballadores do Consorcio, só 55 pertencen a organismos de xestión. "É falso que se gaste máis en burocracia e, de calquera xeito o que se gasta necesítase para axilizar un servizo que non pode agardar a que se demoren os trámites indefinidamente", din.

Ademais, salientan os "avances na cobertura de servizos sociais" nesta lexislatura, cando "antes Galiza estaba á cola do Estado", e recordan que "na actual crise económica como produto da aplicación de receitas neoliberais, son precisamente os usuarios dos servizos que presta o Consorcio o colectivo que merece maior atención".

"Primeiro acto reivindicativo"

"A CIG non vai permitir que o futuro presidente da Xunta destrúa emprego e desmantele servizos como únicas medidas contra a crise. Non vai aceptar ningún paso atrás en materia de prestacións sociais e do seu carácter público. Calquera recorte destes dereitos vai topar co rexeitamento do noso sindicato e entendemos que da maioría da sociedade galega", advirten.

"Como consecuencia" o sindicato nacionalista organizará "un primeiro acto reivindicativo" esta quinta feira, "consistente nunha concentración diante da Sede do Partido Popular (en Compostela) de Delegados/as da CIG no Consorcio co obxectivo de demandar que non se poña en perigo postos de traballo nin servizos".


4.5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: