Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O MELLOR RELATO LEVARÁ UNHA VIAXE A BRUXAS

Vieiros pon os untos a ferver

A partir deste martes xa podedes enviar os vosos relatos eróticos a Ferve a Rede, cunha extensión máxima de 690 caracteres.

Redacción - 12:00 10/03/2009

Pasou xaneiro, mais non a xaneira. Pasaron as eleccións e agora quédannos catro anos para dedicarnos ás cousas serias e andar no machito. Volve Ferve a Rede, o certame de microrrelatos eróticos para poñer a rede a ferver, para andar pinachos e pinachas, chocas e chocos, axaneirados todos e todas agora que chega a primavera. O pasado ano recibimos case que trescentos relatos en catro semanas, textos necesariamente curtos pero intensos: máis ou menos eróticos, máis ou menos porcos ou humorísticos, tranqueiros e retranqueiros. O relato gañador, Mírote, valeulle a Mercedes Folgueira unha viaxe a Venecia.

Nun vaivén de suor núa, alzo a mirada para te ollar mellor.
Quéresme? Disme docemente.
Eu arqueo as cellas...
...nunca souben falar coa boca chea.

Este ano mudamos a Venecia do sur pola Venecia do norte, a feiticeira Bruxas, cruzada tamén por canais e cun centro histórico declarado patrimonio da humanidade. Ademais, entre todos aqueles que participen sortearase unha estadía dunha fin de semana en Amarante, á beira do río Támega. Mudamos os premios, e tamén aumentamos a extensión máxima dos relatos (pasamos de 550 a 690 caracteres con espazos), para deixarlle máis lugar á vosa imaxinación. Polo demais, o concurso é o mesmo e o obxectivo tamén. Incitarvos a dar coas imaxes máis eróticas que poidades, coas verbas que poñan a ferver a quen as escoite ou as lea. Algo conseguimos o pasado ano. A lingua hai que empregala en todos os lugares, e hai que saber usala.

Bruxas, a máis fermosa cidade flamenca, ben vale un relato. Flandres, espazo de desamor na literatura medieval (é o lugar que na tradición occitana separaba a Guillem da súa namorada, Flamenca). A través do soño o noso Cunqueiro xunta aos amantes de volta no seu poema Dona Flamenca, publicado en Herba aquí ou acolá, o libro que leva décadas sendo fonte ineludíbel para quen faga por ver se son como dicían os poetas a lúa, o lume, os espellos. O libro do feitizo.

Dona Flamenca (Álvaro Cunqueiro, Herba aquí ou acolá)

Alguén que vén coa noite a preguntarme
por ti, e ensinarme quere a túa torre
que eu soamente maxinei e nunca vin
e que te pecha, oh Flamenca de meu!
acolá lonxe, mais aló dos montes.
Pro prefiro seguir o fío do meu soño
que é un prado verde cunha pomba branca
e o áer cheo de fitas de cores
e don Galaz me leva da man onde sorrís
como a Xinebra levou a Lanzarote,
e bícote na luz, que se desfai en rosas,
Ab cest baiser mon cor vos liure,
dices, e todo o que é vidro quebra,
caen das ponlas as mazás ao chan,
baixan as estrelas a beber nas fontes
e as rulas da mañán póusanse nos lombos
dos cervos que veñen dende o mar
de escoitar o enorme silencio das sereas.
E eu dígoche que en vez do meu o teu corazón tomo.
Flamenca, como cortesa,
vaise co fino amor sob o arco-da-vella,
e déixamos pra mañán a carne e o que é dela.
Cando esperto e sallo ao mundo,
a xente dime qué me pasa, que teño outra sorrisa.
¡O teu bico, Flamenca, que florece!


Ligazóns

4,38/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: