Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XXIV Encontros de Educación para a Paz

Reflexionando sobre a pedagoxía dos Dereitos Humanos

Esta quinta feira inaugúranse en Compostela as xornadas organizadas cada ano polo Seminario Galego de Educación para a Paz.

Redacción - 10:50 12/03/2009
Cartaz dos Encontros

Cartaz dos Encontros

Unhas 300 persoas reflexionarán, durante tres días, en Compostela, sobre a pedagoxía dos Dereitos Humanos, dentro dos XXIV Encontros de Educación para a Paz, que comezan esta quinta feira na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Compostela.

Un ano mais, o Seminario Galego de Educación para a Paz está detrás deste evento, que organiza dende 1985, orientado, sobre todo, a futuros docentes, interesados en aprender a educar no respecto aos Dereitos Humanos.
O acto de apertura está marcado para esta quinta ás 18h00, e comezará cunha actuación musical, seguida da conferencia inaugural, a cargo de Amada Benavides, directora das Escolas de Paz de Colombia e responsable do Departamento de Dereitos Humanos das Nacións Unidas e coordinadora do Grupo sobre Nenos Soldados, que falará de Educar para os dereitos humanos e a democracia. Seguidamente haberá unha mesa redonda titulada Da escravitude aos dereitos humanos, na que intervirán Luis Acebal, vicepresidente da Asociación pro Dereitos Humanos de Andalucía (APDH) e Antonio Doménech, filósofo e director da revista Sin permiso.

As xornadas da sexta feira e do sábado
Na sexta feira a xornada abrirase ás 18h00, cunha mesa redonda na que participarán o co-fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz, Calo Iglesias Díaz; e a profesora de Didáctica e Organización Escolar da USC, Beatriz Fernández Herrero; que falarán sobre Educar para a paz desde a non violencia e os dereitos humanos. Ás 20h00 continuarán os Encontros cunha nova mesa redonda, titulada Estratexias para fomentar actitudes interculturais e cooperativas na aula, na que participarán a profesora do Departamento de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Granada (Instituto de Paz e Conflitos), Gloria Rojas; e o catedrático da USC e membro do departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, Miguel Ángel Santos Rego.

O sábado pecharanse os Encontros -que están recoñecidos cun crédito de libre configuración polas tres universidades galegas- con varios obradoiros, que se desenvolverán entre as 10h00 e as 14h00, e das 16h00 ás 17h30 (que versarán, entre outras cousas, sobre as actividades do propio seminario ou doutras organizacións como Amnistía Internacional ou Intermón Oxfam); e cunha conferencia de clausura na que o maxistrado do Tribunal Supremo español, José Antonio Martín Pallín, falará sobre a Xustiza Universal e os Dereitos Humanos. Os XXIV Encontros de Educación para a Paz pecharanse cunha representación teatral.


Ligazóns

3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: