Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Critica as "mentiras" do PP sobre a lingua

Jorquera advírtelle a Feijoo que o Bloque vixiará que non permita "pelotazos privados" co eólico

"Se a política de Feijoo é volver a ese modelo, o BNG vai facer unha oposición construtiva pero contundente para que non se sigan espoliando os recursos do noso país", declarou o coordinador da executiva do Bloque.

Redacción - 17:30 13/03/2009

"O máis preocupante é que vaiamos ao modelo anterior, de revenda de concesións a multinacionais eléctricas de fóra", reflexionou este venres Francisco Jorquera, coordinador executivo do BNG, durante a súa intervención no programa Bos Días, da TVG. O nacionalista interpretaba así a intención do líder do PPdeG de revisar o recente proceso de adxudicacións eólicas en canto colla o temón da Xunta. Jorquera defendeu que se trata dun concurso resolto "con todas as garantías" e advertiulle a Alberto Núñez Feijoo de que se o PP reabre o proceso para "favorecer pelotazos" privados, "terá enfronte o BNG".

Por outro lado, e ao fío do escenario interno aberto no Bloque despois dos resultados do 1 de marzo, Jorquera avaliou que os nacionalistas tratarán de "escoitar as bases". "Necesitamos un BNG máis implicado na sociedade", sinalou. Nesa liña, dixo agardar que o Consello Nacional deste sábado sexa o inicio dun proceso de reflexión "plural e participativo".

Outro dos asuntos ao que respondeu o tamén deputado no Congreso foi ao respecto da valoración crítica que o PP fai das galescolas. "Por vez primeira temos unha rede pública galega de ensino infantil de 0 a 3 anos que ademais toma medidas para corrixir a inferioridade do galego", valorou Francisco Jorquera, recordando que se trata de centros co-xestionados polos concellos e que o Consorcio de Igualdade e Benestar foi quen de "estender a concellos de todas as cores políticas". Jorquera cualificou de "mentiras e faladurías" as acusacións dos populares no ámbito da lingua e reprochoulle ao PSOE que "asume argumentos do adversario" se insinúan a presunta imposición do galego.


4.67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: