Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMITÉ NACIONAL DO PSdeG

Blanco dispara contra Touriño por non ter adiantado os comicios

O dirixente socialista subliña que, aínda que se poidan revisar, é preciso manter en todo o país os pactos co BNG.

R.Vilar - 16:10 14/03/2009

A voz de Xosé Blanco deixouse ouvir alto e claro no Comité Nacional que o PSdeG celebra este sábado en Compostela. O dirixente socialista botoulle boa parte das culpas do acontecido o 1M a Emilio Pérez Touriño (que non estivo presente na xuntanza). Blanco lembrou que, dende o pasado verán, el era un firme partidario de adiantar as eleccións. Segundo explicou, xa daquela era evidente que canto máis se tardase en reaccionar máis factura pasaría a crise económica. O de Palas de Rei cargou contra Touriño e os seus círculos máis próximos por non ter feito caso.

As súas palabras confirman o duro enfrontamento que tivo con Pérez Touriño por culpa da data dos comicios. A decisión de Touriño de non adiantar as eleccións a outono distanciárono aínda máis de Ferraz e especialmente do vicesecretario xeral do PSOE. Blanco chegara a Galiza en xullo con datos dunha evidente recuperación do PPdeG. Porén, o núcleo duro que rodeaba o presidente considerou que as teses do de Palas de Rei eran demasiado alarmistas, xa que Galiza tiña un “plus de resistencia” contra a crise. Mais no fondo, as discrepancias entre  Touriño e Blanco tamén deixaban ver un pulso entre os dous homes máis influíntes do PSdeG.

Segundo puido saber Vieiros, na xuntanza deste sábado Blanco non dubidou en sacar o látego e pedirlle aos socialistas galegos que exerzan a autocrítica e que non busquen toda a culpa no BNG. O vicesecretario xeral do PSOE subliñou que os pactos cos nacionalistas teñen que seguir porque son vitais para facerlle fronte ao PPdeG. Tamén considera que o bipartito tivo moitos acertos e que a militancia ten que defendelos publicamente.

As causas da derrota están na casa
Ricardo Varela secundou as palabras de Blanco e advertiu que é un erro grave cargar a responsabilidade da derrota no Bloque. Mostrouse partidario de revisar os pactos para poñelos a punto, pero non para cuestionar a súa continuidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, foi o primeiro en pedir perdón polas súas declaracións sobre os pactos. Porén, volveu defender que é preciso que haxa unha cabeza visíbel en cada acordo e non dúas. Así, avogou por que cando o partido máis votado sexa o PSdeG o BNG teña un papel máis secundario e viceversa. Pola súa parte, o rexedor de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, foi o máis crítico co Bloque e en especial con proxectos como as galescolas ou a xestión que fixeron os nacionalistas do concurso eólico.

Preparativos para o congreso extraordinario


O Comité Nacional deste sábado é o primeiro dende a derrota electoral do bipartito. A cita serve como punto de saída para o vindeiro congreso extraordinario, que se celebrará a finais de abril e que dotará ao partido dunha nova dirección. O ourensán “Pachi” Vázquez é, sen ningunha dúbida, o mellor posicionado para ocupar a Secretaría Xeral do PSdeG. O aparato e boa parte dos afiliados ven no aínda conselleiro o mellor recambio para Touriño, polo menos a curto prazo.


4.6/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



No último ano, a sintonía entre Blanco e Touriño foi diminuindo
No último ano, a sintonía entre Blanco e Touriño foi diminuindo
Moreda volveu insistir na teoría de que o partido máis votado debe liderar claramente a coalición en cada concello
Moreda volveu insistir na teoría de que o partido máis votado debe liderar claramente a coalición en cada concello