Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pola revisión do Proceso de Boloña

"Estase privatizando o coñecemento, no beneficio das grandes empresas"

A CIG, Universidade Invisíbel e os Comités uníronse para presentar o manifesto da Plataforma en Defensa da Universidade Pública Galega.

Redacción - 13:50 16/03/2009
Na presentación, Fernández de Rota, Alba Nogueira, Anxo Louzao e Marcos Loureiro

Na presentación, Fernández de Rota, Alba Nogueira, Anxo Louzao e Marcos Loureiro

Este ano 2009 a Universidade galega debe planificar a entrada no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Aos poucos, facultade por facultade, ten que ir arranxando todo para introducir os graos -que substituirán as actuais carreiras-, e planificar o futuro dos seus alumnos e docentes cun financiamento que aínda non foi especificado.

Mais nin todos os estudantes -tampouco os de Secundaria-, nin todos os profesores están de acordo coa entrada forzada, sen planificar, no Espazo Europeo. Os primeiros saíron ás rúas en todo o Estado, e en Galiza, en varias ocasións, berrando contra a mercantilización do ensino. Os segundos apoiáronos, e agora algúns deles xuntáronse na Plataforma en Defensa da Universidade Pública Galega. Esta segunda feira a Plataforma -composta por CIG-Ensino, os Comités, e a Universidade Invisíbel- presentou, apoiada polas sinaturas de varios profesores e profesoras das tres universidades galegas, un manifesto no que defenden unha universidade pública e de calidade, posicionándose, ao tempo, contra unha entidade que non funciona como servizo social, senón como creadora de man de obra.

"Esta loita ha ter mais vida nos vindeiros meses, porque é un movemento que se constrúe andando"
Na presentación deste manifesto estaba a profesora da Facultade de Dereito da USC, Alba Nogueira; o responsábel da CIG-Ensino, Anxo Louzao; o responsábel nacional dos Comités Abertos, Marcos Loureiro; e o representante da Universidade Invisíbel, Antón Fernández de Rota. Os catro sentaban nunha mesa, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, para destacar cada unha das súas reivindicacións.

Nogueira sinalou que as universidades galegas non poden entrar no EEES sen que haxa un importante investimento. "Non se pode asumir Boloña sen financiamento; nas nosas universidades non se poden personificar o ensino, porque non hai medios". Nesta liña, Nogueira dixo que a sensación xeral que hai entre o profesorado é que coa adaptación que promulga Boloña, "non vai haber un aumento da calidade da docencia", mais ao contrario. "Temos a sensación de ir nunha carrilana que corre costa abaixo, e sen freos", concluíu.

Neste sentido tamén se pronunciou Marcos Loureiro, dos Comités, quen sinalou que até o de agora a creación dos primeiros graos fíxose "a custe cero por parte da Consellaría de Educación". "Boloña non é máis que a introdución de medidas de carácter privado, para que a empresa sexa a única voz autorizada na Universidade", concluíu.

Pola súa banda, Anxo Louzao dixo que as consecuencias da entrada no Espazo Europeo terá unha consecuencias negativas, "non só no ámbito universitario, senón en toda a sociedade galega". "O que precisamos é unha universidade pública, forte e de calidade, e non un lugar no que se degrade o coñecemento universitario". Nesta liña, Louzao explicou que o que procura a Plataforma é que se "revise", que "se poña en tela de xuízo" e que se "recapacite" sobre o futuro do sistema educativo galego.

A seguir, Antón Fernández de Rota lembrou que o que está a acontecer "non é recente, e non só implica á Universidade". "A privatización da Universidade é só unha peza máis na engrenaxe da maquinaria de produción do capitalismo post-industrial", sinalou o representante de Universidade Invisíbel, ao tempo que lembraba un dos lemas que se empregou en todo o Estado entre os estudantes que se manifestaron contra Boloña "Nin escola de elite, nin fábrica de precarios", para sinalar que coa entrada no Espazo Europeo, o ensino universitario convértese "nunha factoría de coñecemento, do que sae unha minoría ínfima de elites do coñecemento, e unha ampla maioría de cadros laborais; traballadores que irán a un outro mercado, precarizado e temporalizado". "O que lle está a acontecer á Universidade é o mesmo que lle acontece ao conxunto da sociedade", subliñou Fernández de Rota, ao tempo que lembraba que este só é un comezo dun movemento que ha ter "moita vida futura".

"Temos vontade de que este movemento vaia a máis"
A partir de agora, a Plataforma ten pensado presentar o manifesto nas tres universidades do país, e ir medrando, conforme se lle vaian unindo as organizacións, asociacións, movementos sociais e estudantís e persoas a título persoal que o desexen, e prevén, nos vindeiros meses, varias mobilizacións. "Temos vontade de implicar moita máis xente neste movemento, porque hai un descontento xeneralizado, que chega alén do ámbito universitario".

Alén disto, segundo sinalou Louzao, teñen pensado "trasladar a todas as administracións competentes" as súas reivindicacións, para conseguir deles "unha posición totalmente distinta da amosada até o de agora". En canto ao novo Goberno, Louzao dixo que aínda non mantiveron contacto con ninguén, "porque non queremos que ninguén goberne sen estar a Xunta constituída", porén, segundo dixo, "no futuro porémonos en contacto con eles, para tentar que muden de posición", porque a que teñen até a de agora, "é por todos coñecida".

Retallo do manifesto, no que se aprecian as reclamacións presentadas pola Plataforma, aquí (en .pdf).


Ligazóns

4.33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: