Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Apoio ao recurso da Plataforma Nunca Máis

"Non é normal que os que provocaron a catástrofe non sexan imputados", láiase o BNG

"Existen responsabilidades penais por parte do goberno español", afirma o nacionalista Bieito Lobeira.

Redacción - 12:45 21/03/2009

"Á marxe das responsabilidades políticas, que en todo caso ficaron depuradas no seu momento, no BNG pensamos que si existen responsabilidades penais por parte do goberno español", explicou este sábado Bieito Lobeira, deputado electo pola provincia de Pontevedra e voceiro do grupo parlamentario do BNG en materia de Pesca durante a última lexislatura.

Lobeira avanzou que o Bloque apoiará o recurso da Plataforma Nunca Máis "para que o Estado español asuma as súas responsabilidades penais" e considerou que "non é lóxica" a decisión da xuíza de Corcubión encargada do caso Prestige de non imputar o executivo estatal na causa, atribuíndolle a responsabilidade da catástrofe exclusivamente ao capitán do petroleiro e a dous dos seus oficiais. "Non é normal nin lóxico que quen tomou decisións relevantes que determinaron o resultado final da catástrofe fique fora na vista oral", denunciou Lobeira ao respecto da decisión de eximir de responsabilidade o daquela director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors.

Recordou por exemplo ao fío da xestión da catástrofe o relativo a "un Servizo Español de Salvamento Marítimo privatizado e que durante a catástrofe cometeu irregularidades evidentes, como que o remolcador Ría de Vigo non actuou á espera de negociar coa casa armadora do Prestige o montante económica da operación de remolque". Insistiu Bieito Lobeira en que é necesario que o xuízo sobre a catástrofe do Prestige sirva para que no futuro "non se reproduzan feitos como os que a orixinaron".


3.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: