Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Concentración de produtores n'A Coruña

Os gandeiros esixen "un plan estratéxico" fronte ao peche de explotacións

A protesta pola caída do prezo do leite e a esixencia de medidas ao goberno español levou dous milleiros de gandeiros á cidade herculina.

Redacción - 14:20 23/03/2009

A voz dos gandeiros escoitouse forte e unánime este luns n'A Coruña. Houbo consenso ademais á hora das reivindicacións fundamentais entre as principais forzas sindicais do país. Unións Agrarias (UUAA), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XXAA) coinciden en advertir sobre a urxencia de medidas que freen a caída dos prezos do leite e a necesidade de introdución dun marco regulamentario que fixe prezos mínimos. Ás demandas uniuse este luns a voz da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias. Con esa fin, á porta da sede da delegación do goberno español en Galiza, milleiros de produtores xuntáronse para subliñar as esixencias do sector lácteo galego. A protesta coincide coa xuntanza en Bruxelas de ministros de Agricultura da Unión Europea.

"Non poden seguir tratando os gandeiros como moeda de cambio para escaparen da súa responsabilidade de regular unhas prácticas comerciais inmorais que permiten deixar o leite sen recoller nun país deficitario en produción", reprocha Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias. O líder desta formación censura especialmente que Galiza se converta "no sumidoiro dos excedentes de leite francés".

Ademais, o malestar no sector é grande pola propia negativa do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño, coa ministra ourensá Elena Espinosa á fronte, a recibir os representantes sindicais antes desa reunión en Bruxelas. Entenden as formacións que se trata dun exemplo máis da "pasividade" do executivo estatal fronte á situación. A este respecto, a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, chama a atención sobre o paradoxo de que fose o ministro de Agricultura alemán, "e non a ministra española" quen puxo na mesa como cuestión central "o tema do prezo".

Complicado futuro para moitas explotacións
"Non é un asunto que se lle poida deixar ao libre mercado", advirte Freire. Unha cuestión na que coincide Roberto García, quen acusa a administracións e a industria de facilitaren a colocación dos excedentes franceses en perxuízo do sector leiteiro galego. Segundo debullan as formacións sindicais, os gandeiros franceses reciben 0,32 euros por litro, mentres que os galegos reciben 0,28 euros, cantidades que non cobren os custos de produción. "O leite que se paga en Francia a 32 céntimos non pode estar aquí a 16 céntimos", apuntan os gandeiros, denunciando que se está vendendo por baixo dos custos de produción. Na altura de 2007, eses custos acadaban xa para os produtores unha media de 37 céntimos.

Desde Xóvenes Agricultores, o secretario xeral do colectivo, Francisco Bello, realizou unha pesimista avaliación, ao agoirar que ,de non haber unha viraxe no escenario actual, pecharán arredor de 4 mil das actuais 13 mil explotacións gandeiras que existen en Galiza. Malia a gravidade da situación, a industria estaría exercendo unha belixerante presión sobre o sector, coa anuencia das administracións, segundo acusan os sindicatos. "Chantaxean e ameazan con non recoller o leite"; láiase Hixinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas. Os representantes dos produtores insisten en que se os gobernos queren é posíbel o deseño dun plan estratéxico para o sector que favoreza a todas as partes e convidan o empresariado a unírense a unha fronte negociadora coas administracións. "Non hai un problema de modelo de explotación, nin de competitividade, senón de relacións comerciais", analiza Mougán.


5/5 (4 votos)


Comentarios (9)

herculino #1 23/Marzo/2009 herculino
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

juas, será logo que con tanta competencia no mesmo ministerio a ministra galega xa non sabe a que anda

pedrochosco #2 23/Marzo/2009 pedrochosco
[Valora este comentario Positivo -2 Negativo]

Sentindo moito por alguns,a metede de todos estes(polo menos ou seguro que mais) nas ultimas eleccions votaron os que durante dezaseis anos lles deron por atras asi que pola miña parte pena NINGUnHA¡¡¡,QUE LLA PROTESTEN A FRIJOLITO AGORA¡¡.Saudos.

baltar69 #3 23/Marzo/2009 baltar69
[Valora este comentario Positivo +3 Negativo]

xa soio falta decirlle o consumidor que non merque bomilk a 45 céntimos e leve para a casa feiraco a 89!!! por que ahí está o debate, na góndola. e ahí o prezo é o mandamáis.
ahora ben, cómo poden producir en francia o leite máis barato? por unha mellor infraestructura? por unha mellor adecuación do chan? por que cada explotación ou cooperativa ten por vinte dunha galega? por que cada veciño non mercou un jd ou un massey de 140 cv? por que o goberno galo subvenciona a producción contravindo as normativas e disimulando axudas?
non sei; eu teño vacas, pero non lles dou un gramo de pienso nin merco forraxes para que veña o carro a mezclar. andan polo monte e non coñecen ó veterinario nin o representante local da john deere, sr. roberto sánchez, nin a daniel ferreiro, de aira, nin o xerente de icos, sr. bardelás.
a orientación agraria en galicia está encauzada a enchelos petos dos fabricantes de fitosanitarios, de medicamentos, de maquinaria agrícola e en menor medidas dos seus valedores en cada ramo. non está pensada como algo sostible, se non coma unha mera correa de transmisión de activos cara aquelas multinacionais. e nese sinrazón son cómplices tódolos técnicos e técniquiños que se pasean co dell baixo o brazo argallando programas de alimentación aquí e alá, os xerentes das cooperativas, os membros dos sindicatos, os cabeciñas dos partidos políticos que defenderon a lence como o puntal do capitalismo chairego, os luminarias do ministerio que ideou todo este deaguisado, etc. pero, non o olvidemos, os culpables últimos son a cidadanía, os labregos, que tiveron a ben mercar unhas cuotas que amenazan desaparecer, unhas maquinarias insostibles e instalacións por doquier para que as vacas mexen leite e que, cando cobraban 90 pts por litro, pensaban que descubriran as américas sen decatarse que no mercado mundial non suxeito ás políticas da ue o leite rondaba as 30 pts e .

sachador #4 23/Marzo/2009 sachador
[Valora este comentario Positivo +5 Negativo]

#2
a miña reivindicación vale máis ou menos según a quen lle vote?

baltar69 #5 23/Marzo/2009 baltar69
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

ven de atrás... e que moito de ese leite era tamén europeo, vendido baixo dumping no terceiro mundo e impedindo o desenrolo agrícola dos paises máis atrasados. ahora chegoulle o turno a galicia de probala súa mediciña e terán os gandeiros que reclamar como os da automoción e os constructores, anque moito me temo que os méus veciños están algo máis fodidos, xa que, a diferencia dos executivos de aig, o día que non paguen a letra do new holland ou do same a banca vaílles levantar todo o chiringuito e cos tractores iranse os bmws, os mercedes e aínda algún chalé, polo que coido que o labrego pagará de novo por manter o que era xa séu e os políticos que os venderon o grande capital arranxarán con duas lexislaturas no congreso a máxima xubilación e os funcionarios amañarán novos pluses polo inxente traballo de poñelo selo de caucho en calquera expediente. eso polo menos de momento, por que si a cousa se pon como eu creo que se vai por, vai facer falla que moitos de estes gandeiros galegos entren no corpo policial para porse entre os amotinados e a oligarquía que xa non se vai sentir segura en ningures. amén jesús.

Vakaloura #6 24/Marzo/2009 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

# 2
Eu son votante do BNG, mais quéresme dicer, que fixo D. Alfredo polos labregos? Moito chiringo privado si que lles montou. Burocrácia mais ca nunca para darlle un choiño aos seus achegados. Ferramentas públicas para facerlle fronte a crisis do sector, ningunha. Publicidade enganosa; cos cartos públicos moita. Eu tamén, sentindo moitísimo, teño que dicerche que durante o seu arrepiante madato o campesiñado foi bastante a pior. Que pasa que os labregos non son cidadáns livres para votar a quen lles pete? Ou pensas que por seren labregos non se decataron das súas dinamitacións e en moitos casos até de verdadeiras extorsións? Non sei como alguén; demócrata?, se pode alegrar do mal alleo! Mellor que te enteraras, un chisquiño, como o están a pasar os labregos antes de botares a lígua a pacer.

alpabarda #7 25/Marzo/2009 alpabarda
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Vakaloura

Xa estamos coa mesma. Qué fan os políticos por nós. Pois nada. Os que tiñan que facer algo eran os gandeiros polo seu planificando a longo prazo. Xusto o que non se fai en Galiza.

alpabarda #8 25/Marzo/2009 alpabarda
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Os gandeiros non planificaron a longo prazo o seu negocio. Houbo un momento que se pagaba ben o leite...pois a vivir. Despois xa se verá. Os negocios non funcionan así. Pero claro, non lle foras dicir nada. Os galegas pensan que son moi listos. Agora ven os resultados.

O problema de todo esto é que ainda que o seu modelo de negocio é nefasto, con diñeiro público teremos que manter as explotacións porque son moitos votos. Este é o modelo de país que temos: Negocios mal planificados e finalmente subvencionados para manterse no mercado, ainda que non ten futuro. Todo esto ten un límite, claro. Probablemente o vexamos en pouco tempo. Todo acaba fartando. Pero agoiro que a sociedade civil vair toupar por algures.

Vakaloura #9 26/Marzo/2009 Vakaloura
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

alpabarda

Posibelmente non che falte un chisco de razón, pero aos labregos tamén lle tiñan que axudar a planificar o seu futuro as distintas administracións. Mais istas, de sempre; e para salvarse elas; o que fixeron foi fomentar as nefastas políticas de subvencións que non levan a ningures. Por isa regra de tres, entón tampouco o sector da automoción, da banca, do ladrillo especulador; entre moitos máis; palnificaron o seu futuro? Será por iso que lles inxectan cartos públicos? Os governos non só están para mal administrar os cartos dos nosos petos. Terán que governar un chisquiño, con todo o que iso implica. Mais no caso dos labregos, tamén se terían que decatar que a súa función social no rural é moi importante e imprescindíbel para o desenrrolo sustentábel do país. Xa non falemos do da língua. Alguén, con sentidiño, pode chegar a pensar que Galiza pode prescindir do seu campesiñado? Algo que me intriga, no teu comentario, os labregos non son sociedade civil? Que bichos mais raros! non?

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: