Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Para evitar retrocesos na normalización

Marisol López chama a mobilizarse na defensa do galego

A secretaria xeral en funcións de Política Lingüística defendeu o "importante papel que xoga a mocidade para garantir o futuro do plurilingüismo".

Redacción / EP - 19:30 23/03/2009
Marisol López chamou á defensa da lingua na inauguración da exposición 'As nosas palabras, os nosos mundos' en Lugo

Marisol López chamou á defensa da lingua na inauguración da exposición 'As nosas palabras, os nosos mundos' en Lugo

A secretaria xeral en funcións de Política Lingüística, Marisol López (PSdeG) participou en Lugo na inauguración da exposición As nosas palabras, os nosos mundos, e aproveitou para reivindicar a defensa na nosa lingua, por segunda vez dende o pasado 1 de marzo, e dende que os líderes do PPdeG expuxeron os seus proxectos de goberno en materia de lingua. A primeira foi a pasada semana, cando, nana presentación da Biblioteca da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD), en Vigo, chamou á unidade e criticou os "talibáns, dun e doutro lado".

López pediu que non lle poñan "cancelas ás linguas", ao tempo que reivindicaba a importancia de que esbandallen "coa forza da razón", os "muros da intolerancia" que procuran "separarnos e enfrontarnos".

Apelo á unidade na defensa do galego
Seguindo co seu discurso, a secretaria xeral en funcións sinalou que foron as linguas "as que nos trouxeron até onde estamos agora", e reivindicou a unidade na defensa do galego: "Neste tempo, xuntos foi como afrontamos e superamos moitos retos, e de cara ao futuro, xuntos será como poderemos enfrontarnos a todos os problemas que veñan".

A seguir, López atacou os detractores da nosa lingua, sinalando que "non é de sentido común construír, nin tolerar, discursos de medo ou de rancor, nin tampouco permitir que despois de loitar tanto tempo no exercicio libre de usos lingüísticos, suprimindo, non sen esforzo, as barreiras mentais e sociais que durante tanto tempo soportou o idioma galego e os seus falantes, se dean pasos atrás nos logros conseguidos", aseverou Marisol López. Para terminar, López pediu "consenso" e un "compromiso colectivo" pola integración do país, que, lembrou, está "impreso" na constitución española, no Estatuto e na Lei de Normalización Lingüística.

Polo seu lado, o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco (PSdeG), tamén presente no acto, xunto a Marisol López, preguntouse, ante todos os e as xornalistas, que "tiñamos feito mal" para que "neste momento" se esta a discutir "o noso idioma".

"As linguas non deben ser armas arreboladizas entre iguais"
A exposición sobre a nosa lingua e o plurilingüismo mundial estará en Lugo, na Sala Municipal Uxío Novoneyra, deica o vindeiro 5 de abril. Na inauguración López tamén defendeu o "importante" papel da mocidade "para garantir o futuro do plurilingüismo", e dirixiuse aos alumnos do IES O Perdouro de Burela (A Mariña), que estaban presentes no acto, tras ser premiados polo seu proxecto de innovación en materia de dinamización lingüística, do que xa falamos anteriormente en Vieiros.

Alén disto, tamén se atopaba no acto a cantante de rap Aíd, que, segundo dixo López, é un exemplo da "vitalidade que posúe o galego", ao tempo que aludía ao feito de que esta moza compón na nosa lingua e tamén en castelán, o que é un "símbolo", segundo a socialista "de que as linguas deben servir como instrumentos positivos de achegamento e comunicación, e non como armas arreboladizas entre iguais".


4.25/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: