Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CICLO DE CONFERENCIAS EN LUGO

Ramón Piñeiro ou a reinvención de Galiza

Miguel Barros, Xusto Beramendi, Antón Baamonde, Ramón Maiz, Víctor Freixanes ou Xesús Alonso Montero expoñen a súa visión sobre o intelectual.

Redacción - 18:15 25/03/2009

"Pode haber polémica, e non sería malo que a houbese. Piñeiro é un personaxe rico, Piñeiro non é un mediocre", dicía hai uns meses Víctor Freixanes nunha entrevista en Vieiros. O 'Ano Piñeiro' despega e, pasadas as eleccións, multiplica a publicación de obras e a celebración de actos e conferencias. Ramón Piñeiro foi un personaxe moi público, así e todo, fican moitas incógnitas sobre el, sobre as estratexias que desenvolveu e sobre o seu discursos; nestes meses é posíbel que moitos destes ocos se resolvan, sobre todo os que teñen que ver coa súa actividade política.

Na súa tese de douturamento Miguel Barros defende o carácter "profundamente político" do discurso de Piñeiro: "Calquera óptica pola que se analice a Piñeiro é estritamente política. Pero é un político sen ambicións inmediatas, é un ideólogo, unha persoa moi reflexiva". O mesmo pensa, entre outros, Antón Baamonde. Unha das dificultades que existen para analizar a Piñeiro é a escasa cantidade de obras que deixou escritas. Quizais hai que concluír que a obra de Piñeiro foi Galiza mesma, o seu propio impacto na realidade do país nas décadas dos sesenta, setenta e oitenta. "Non sabemos se todo un monte, o de Gaiás, parirá un rato ou un mamífero cultural", escribiu Rivas, "mais a mesa, aquela sinxela mesa de madeira de piñeiro de Piñeiro, foi o epicentro, o punto xeodésico, a lanzadeira dun renacemento na escuridade".

"As propostas que Piñeiro fai teñen unha enorme influencia sobre a realidade galega contemporánea. Pero neste ano tamén aqueles que romperon con Piñeiro tamén terán que explicar en que fracasou. Esa xeración dos Ferrín, dos García Bodaño, dos Alonso Montero, dos Franco Grande, dos Beiras, algún especialmente cultivados por Piñeiro, e que despois rompen con el, tamén terán que contar por que fracasan", di Freixanes. Unha das persoas que cita, Alonso Montero, declara igualmente a súa adminración por Piñeiro, malia a distancia ideolóxica que os separa: "Eu son un piñeirista tremendo. Piñeiro era anticomunista, eu non; Piñeiro era galeguista, eu non. E eu acabo de rematar un libro de amor a Piñeiro" e conclúe: "Por que agora todo o mundo lle chama anticomunista a Piñeiro? E logo hai moitos comunistas por aí?".

O programa das xornadas
A Fundación Casares organiza as xornadas, que durante catro días analizaron a importancia de Ramón Piñeiro na cultura, na política e no pensamento de Galiza durante o século XX. Participan algunhas das persoas que máis teñen reflexionado sobre a figura do pensador, por exemplo Miguel Barros, que vén de presentar unha tese de doutoramento (que se publicará en Galaxia nas vindeiras semanas) analizando o discurso político de Piñeiro; Barros analizou o martes a influencia que tivo na reformulación do galeguismo na segunda metade do século XX. Seguiu Xusto Beramendi, co relatorio 'Ramón Piñeiro e o nacionalismo galego'. O martes participaron tamén Carlos Fernández ('A saudade como metáfora') e Andrés Torres Queiruga ('O pensamento filosófico de Ramón Piñeiro').

O mércores foi a quenda de Víctor Freixanes, actual responsábel de Galaxia, que falou sobre o labor de Piñeiro á fronte da editorial. E mais de Ramón Maiz, que tratou 'O concepto de cultura en Ramón Piñeiro'. Falaron tamén Darío Villanueva ('As ideas literarias de Ramón Piñeiro') e Antón Baamonde ('Ramón Piñeiro e a política'). Finalmente, na sesión de clausura das xornadas, o xoves, participaron Henrique Monteagudo ('Ramón Piñeiro e a lingua'), Xosé Luís Franco-Grande ('Ramón Piñeiro e os Anos Escuros'), Gerardo Fernández Albor ('O Ramón Piñeiro que eu coñecín') e Xesús Alonso Montero ('Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega').


4.73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: